Con motivo da conmemoración do décimo aniversario do Día da Educación Física o vindeiro martes 28 de abril, e a pesar das dificultades expostas polo confinamento, o Consello Xeral da Educación Física e Deportiva e o colexio oficial galego, non queren renunciar a celebrar esta data como se merece.
Por iso, decidiron substituír os actos convocados no principio do ano por unha acción conmemorativa desde casa que implique ao alumnado e ás súas familias para incrementar a visibilidade da educación física.
Esta celebración, consistirá na planificación dunha xornada na que se mostre a educación física en confinamento baixo a coordinación de docentes e propoñendo a mesma actividade virtualmente noutros colexios e institutos.
O primeiro paso para participar consiste en adherir o centro educativo mediante o formularioque se facilita na ligazón da web do Colef Galicia, co fin de visibilizar un gran número de profesionais na reivindicación por máis actividade física nos centros.
A iniciativa conta co respaldo do concelleiro de deportes, Tino Fernández, que convida e anima a todos os centros educativos e docentes da educación física de Pontevedra a unirse ao programa e invadir as redes sociais con imaxes e vídeos curtos de actividade física baixo o hashtag # DEFC2020 (Día da Educación na Casa) e #DEFR2020 (Día da Educación Física na Rúa).
Trátase dunha "boísima oportunidade para reivindicar a importancia da educación física para a nosa saúde e para as nosas vidas", explica o edil do PSOE. "Por iso, temos que reivindicar o lugar que lle corresponde e encher as redes sociais coas nosas propostas, creando, innovando e montando festas telemáticas co alumnado e facelas virales".
Así mesmo, propoñen participar neste evento coa gravación de vídeos curtos, fotos nas que salga toda a familia ou facer un mosaico coas fotos dos alumnos. A única condición é que saian realizando algunha actividade física, identifiquen o autor e o centro educativo, explicar o contido do vídeo, dicir unha ou dúas palabras sobre o que lles achega a educación física e incluír os hashtags #DEFC2020 e #DEFR2020.
Por último, desde o Concello explican que se está preparando unha sesión especial de educación física para cada etapa (Primaria, Secundaria e Bacharelato), conducidas por docentes que farán un percorrido a través de varios contidos curriculares, de forma dinámica e lúdica ás que se pode unir toda a familia.
Serán a través da canle de Youtube ás seguintes horas: Primaria ás 10:00 horas, Secundaria ás 11:00, e Bacharelato ás 12:00