O Concello comprométese a axilizar o pago das subvencións aos clubs deportivos

Pontevedra
25 de setembro 2019

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, reuniuse este mércores con representantes de cen equipos de diversas disciplinas deportivas de Pontevedra

Tino Fernández reúnese con representantes dos clubs de Pontevedra
Tino Fernández reúnese con representantes dos clubs de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Representantes dun centenar de clubs de Pontevedra reuníronse esta tarde no Pavillón Municipal co concelleiro de Deportes, Tino Fernández, para recibir explicacións sobre as medidas adoptadas por este departamento para a resolución dos pagos das subvencións anuais e incrementar as axudas por neno nas escolas deportivas.

O edil aproveitou o encontro para tomar nota das inquietudes dos participantes e garantirlles o "estudo de fórmulas que permitan axilizar ao máximo os procedementos para o pago das próximas subvencións". Fernández lembroulles que nos primeiros cen días á fronte da concellería conseguiron desbloquear 600.000 euros relativos ás axudas do 2017 e 2018. Ademais, os equipos teñen de marxe ata o 2 de outubro para solicitar as axudas da tempada anterior.

Outro aspecto tratado na reunión foi o récord de 2.000 preinscricións alcanzadas para o presente curso das escolas deportivas municipais. Estas listaxes permanecerán expostos no taboleiro de anuncios do pavillón e na páxina de Facebook Deportes Pontevedra.