A misión é complicada, pero o Pontevedra mantén aínda serias opcións de permanencia en Primeira Federación. Os de Juan Señor teñen por diante cinco auténticas finais contra rivais directos que poderían deixar aos granates preto do obxectivo antes da última xornada.
Reengancharse neste tramo final de liga ao pelotón da salvación supoñería tamén gañar unha bóla extra para a clasificación final: o coeficiente de goles.
Os de Pasarón mídense neste próximas cinco xornadas a dous equipos (San Fernando e Talavera) aos que venceu na primeira volta e a outros tres (San Sebastián de los Reyes, Unionistas e Badajoz) contra os que saíu derrotado pola mínima, salvo contra o equipo madrileño (2-0).
O Pontevedra debe afrontar cada un destes cinco partidos como unha verdadeira final, debido a que en todos eles hai en xogo catro puntos, os tres da vitoria máis a diferenza de goles.
A estas alturas de campionato, os de Señor só teñen gañado este factor a un equipo dos que están metidos na zona baixa da táboa. Os da Boa Vila venceron tanto na ida como na volta ao Algeciras polo que en caso de empate final a puntos, o equipo gaditano sairá perdendo.
O mesmo pode ocorrer esta fin de semana en San Fernando, equipo ao que os granates venceron por 2 a 1 en Pasarón. O terceiro equipo co que o Pontevedra parte con vantaxe é o Talavera, que deberá remontar dentro de tres xornadas un 3-0 se quere ter o golaveraje ao seu favor.
Pola contra, os lerezanos terán que gañar por máis de dous tantos de diferenza e a domicilio ao San Sebastián de los Reyes a próxima semana se queren ter a favor a diferenza de goles.
Menos esixente será a remontada contra Unionistas, que chegará a Pasarón virtualmente salvado polo que o golaveraje será intranscendente; e o Badaxoz, ao que deberán derrotar por máis de dous goles no Novo Vivero na penúltima xornada.
Linense (0-0 na casa e 3-0 fóra), Fuenlabrada (0-0 na casa e 2-1 fóra), Ceuta (1-3 na casa e 1-2 fóra) e Rayo Majadahonda (1-1 na casa e 2-1 fóra) son os outros catro equipos que compiten cos granates pola permanencia que xa teñen o golaveraje ao seu favor.
Con todo, todas estas referencias poden non servir para nada se cando termine a liga hai tres ou máis equipos empatados a puntos. Nese caso, nada desatinado polo igualado da táboa na zona baixa, o criterio de desempate é diferente. Teranse en conta cos enfrontamentos entre cada un dos equipos implicados e o que conseguira máis puntos nesa 'miniliguiña' será o que acabe estando por encima na clasificación.
Trátase dunha situación na que o Ceuta sería o equipo máis prexudicado, debido a que na primeira volta só sumou tres puntos fronte ao Sanse, mentres que na segunda derrotou a cinco dos implicados na loita por evitar o descenso.
Neste suposto e incluíndo aos dez últimos clasificados, o Pontevedra sumaría 17 puntos obtidos na dobre vitoria fronte Alxeciras, nos triunfos ante Talavera, Ceuta e San Fernando, así como nos empates ante Rayo Majadahonda e Fuenlabrada. Por diante teñen aínda o granates catro enfrontamentos contra equipos da súa liga, sen contar un virtualmente salvado Unionistas nin o Deportivo, que visitará Pasarón na última xornada pensando no ascenso directo ou no playoff.