A canteira pontevedresa de waterpolo empeza a chamar a atención dos grandes equipos do país. O CN Sabadell acaba de pechar a fichaxe de dous xuvenís do CW Pontevedra, Álex Andión e Diego Touriño. A pesar de que aínda son xuvenís de primeiro ano, ambos os xogadores foron claves nos éxitos do conxunto pontevedrés da pasada tempada e tiveron un importante papel no campionato de España celebrado en Marín, no que Andión, aínda en idade cadete, foi nomeado mellor xogador do torneo.
"É un orgullo que equipos como o CN Sabadell, que non foi o único, se fíxe en xogadores da nosa canteira", dixo este luns o presidente do CW Pontevedra, José Tellería, nunha recepción que tivo lugar no Concello para despedir aos dous xogadores. "Estamos moi satisfeitos porque o club está a producir xogadores de gran nivel", felicitou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, á directiva e adestradores do equipo da cidade.
Aínda que se trata dun importante avance para a canteira galega, a marcha destas dúas promesas ten un transfondo negativo para o CW Pontevedra. "Que se vaian debilítanos un pouco o equipo, pero os que quedan terán que dar o do de peito e cubrir a baixa de Álex e Diego", recoñece o mandatario, quen aproveitou a ocasión para "poñer en valor o traballo que fan os nosos técnicos".
O traballo realizado polos adestradores foi o que máis destacaron ambos os xogadores, quen tamén agradeceron o apoio do club e mostráronse moi ilusionados ante este novo reto. "Imos gozar, a vivir a aventura e a cumprir o noso soño", dixo Álex Andión. "Van triunfar porque teñen calidades para facelo", asegurou o director técnico do equipo, Javi de Sáa.
A única contraprestación que recibirá o CW Pontevedra por parte do CN Sabadell, que leva de forma gratuíta ás dúas principais promesas do waterpolo pontevedrés, pasa pola realización de concentracións dalgúns xogadores do conxunto galego nas instalacións e cos técnicos do equipo catalán ou a posibilidade de realizar algún tipo de competición amigable en Pontevedra na que participe este equipo.