O Club Cisne Balonmano presenta os actos do seu 50 aniversario

Pontevedra
18 de xaneiro 2014

O Club Cisne Balonmano presentou os actos do seu cincuenta aniversario, conmemoración que o club pontevedrés celebra durante este 2014

Presentación dos actos de 50 aniversario do Cisne
Presentación dos actos de 50 aniversario do Cisne / Mónica Patxot

O Club Cisne Balonmano presentou os actos do seu cincuenta aniversario, conmemoración que o club pontevedrés celebra durante este 2014.

O acto, que se desenvolveu no hotel Galicia Palace de Pontevedra estivo dirixido polo xornalista pontevedrés, Xabier Fortes e contou coa presenza de gran número de afeccionados ao Cisne.

No acto interviñeron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a deputada provincial, Begoña Estévez; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luis Pérez Ouro e o presidente do Club Cisne Balonmano, Santiago Picallo.

Santi Picallo destacou que "este é o mellor exemplo posible para demostrar que o camiño percorrido mereceu a pena. Hoxe, o noso club está plenamente consolidado na nosa cidade e estou convencido de que a unión de todos os cisneístas fará que o noso futuro estea garantizado".

Entre as numerosas actividades que o club de balonmán levará a cabo neste 2014 destacan o torneo de balonmán na rúa, a carpa que se instalará na Praza de España con diversos actos lúdicos, unha exposición fotográfica que percorrerá diversas rúas da cidade, a presentación dun libro e un documental que resumen estes cincuenta anos, así como unha cea conmemorativa que reunirá a todas as persoas que formaron parte do club durante este medio século.

Durante o acto o club presentou tamén un audiovisual no cal numerosas personalidades vinculadas ao mundo do balonmán felicitan ao Cisne por estes cincuenta anos. Deste xeito, podemos ver dende a mensaxe do presidente da Federación Española de Balonmano, Francisco Blázquez, a do xogador profesional de balonmán, José Javier Hombrados, ata as mensaxes de figuras míticas deste deporte como Juantxo Villarreal, Zupo Equisoain ou Cecilio Alonso.

Así mesmo, aproveitouse a ocasión para mostrar o blog e parte do 'merchandising' creado para a ocasión, entre o que se atopa un calendario e unha camiseta conmemorativa.