A segunda edición do Trofeo de Salvamento Caldas Vila Termal poñerá o vindeiro domingo 18 de decembro o broche aos actos e celebracións polo 25 aniversario do Club Acuático Umia.
A competición reunirá na piscina Antía García Silva, a un total de 368 deportistas de todas as categorías pertencentes a dez clubs galegos.
Na primeira sesión competirán, a partir das 9.00 horas, os deportistas absolutos e Máster, que nadarán as dúas probas máis lonxevas do salvamento, as 100 aletas e o 50 rescate ademais da remuda 4x50 tubo de rescate. Pola súa banda a partir das 12:00 horas será quenda dos máis pequenos, os deportistas das categorías alevín, infantil e cadete.
"Co Caldas Vila Termal queremos dar broche final á celebración do 25 aniversario da fundación do Umia. Este foi un ano moi especial para a entidade, na que organizamos entre outras actividades, un campionato galego, o XXXVI Campionato de España Infantil-Cadete do mes de abril con gran éxito ou a gala 25 aniversario no pasado mes de outubro, coa participación de máis de 200 antigos deportistas, directivos e membros actuais do club", sinalou na presentación do trofeo o presidente da entidade deportiva, Rubén F. Monteagudo, acompañado entre outros polo alcalde, Juan Manuel Rey, e o concelleiro de Deportes, Jacobo Pérez.
Monteagudo defendeu ademais que "o Umia remata o ano rozando as 120 licencias deportivas, o número máis alto da súa historia e con dúas medallas e 5 finais B nos Campionatos de España de inverno, ademais de liderar a Liga Galega Absoluta e tamén as ligas galegas de categorías de menores, o que nos fai soñar cunha temporada que pode ser un punto de inflexión para a entidade".