O clamor dos clubs deportivos polo peche de Rías do Sur percorre as rúas de Pontevedra

02 de abril 2022

Os clubs deportivos afectados polo peche das instalacións de Ponte Muíños protagonizaron este sábado 2 de abril unha manifestación de protesta desde a Pasarela ata a Praza da Ferrería esixindo unha pronta solución

Manifestación en Pontevedra polo peche do Complexo Deportivo Rías do Sur
Manifestación en Pontevedra polo peche do Complexo Deportivo Rías do Sur / Cristina Saiz

As protestas pola decisión da empresa Superar de pechar as instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños viviron este sábado 2 de abril un novo capítulo.

Os clubs afectados pola decisión, ao ter o seu habitual sede de adestramento na piscina olímpica, protagonizaron unha manifestación polas rúas do centro da cidade para esixir unha pronta solución e reapertura do complexo.

Deportistas de Club Natación Galaico, Galaico Sincro e Club Waterpolo Pontevedra, xunto a familiares e usuarios de Rías do Sur, partiron ás 18.00 horas desde a Pasarela para dirixirse desde alí ata a Praza da Ferrería.

Esta protesta prodúcese só un día despois de que se fixese efectivo o peche completo das instalacións.

Ao consumarse o peche ábrese a opción de que a Fundación Rías do Sur poida esixir a rescisión do contrato de explotación de Supera cando se cumpra un mes sen actividade, unha situación que trae certa esperanza para atopar unha solución ao problema pero con toda a precaución posible, ante o temor de que a reapertura se poida dilatar demasiado no tempo.