A Real Federación Española de Balonmán confirmou este martes o calendario de competición da División de Honra Prata, na que competirá a próxima tempada o Club Cisne.
A competición para os pontevedreses iniciarase na casa, o día 17 de setembro, recibindo no Pavillón Municipal dos Deportes o Unión Financeira Oviedo.
Unha semana máis tarde, o primeiro desprazamento do curso será o derbi galego fronte ao Atlético Novás, no Rosal.
En canto ao resto de datas clave, a primeira volta concluirá o 14 de xaneiro cun Guadalajara-Cisne, o que fai que a última xornada do campionato sexa tamén na Boa Vila ante o mesmo equipo, o 19 de maio. Pola súa banda o Atlético Novás visitará o Municipal o 28 de xaneiro na xornada 17 de liga.
A División de Honra Prata recuperará para a tempada 23-24 o seu formato pre-pandemia, cunha liga regular de 16 equipos na que ascenderá o campión de maneira directa a Asobal, mentres que do segundo ao quinto clasificado xogará o play-off de ascenso. Ademais manterase a promoción de ascenso/permanencia co antepenúltimo clasificado de Asobal, e xogarase outro play-off de permanencia/ascenso entre o 13º clasificado e o mellor segundo clasificado dos grupos de fase de ascenso de Primeira Nacional Masculina.
Consulta o calendario da liga de Prata na páxina web da Real Federación Española de Balonmán.