Finalizaron as vacacións para o plantel do Club Cisne Balonmano. Santi Picallo, presidente da entidade, anunciaba nas últimas horas que este xoves 1 de agosto o equipo retomará os adestramentos.
O motivo de retomar a actividade de maneira tan inmediata, con sesións de mañá e tarde, é que a Federación adiantou o calendario e o campionato 2024/25 en División de Honra Prata iniciarase o 14 de setembro.
Nese primeiro encontro de liga, o Cisne, baixo as ordes do novo adestrador Marcos Otero Quiños, enfrontarase ao Trops Málaga no Príncipe Felipe.
Ademais, a entidade anunciou a renovación do extremo dereito Diego López, un xogador da casa.
"Esta tempada demostrou o que vale e quere seguir crecendo connosco. Renovacións coa xente da casa sempre son boas novas", indican desde o club pontevedrés.
Tamén nas últimas horas, o presidente Santi Picallo asinaba con José Antonio Rois, director xeral do Colexio Los Sauces, a renovación do acordo de colaboración entre ambas as entidades.
"É importante para nós que teñamos detrás a unha entidade como o Colegio Los Sauces desde hai oito anos", explicaba Picallo.
A través dun programa de bolsas e da axuda económica que achega o centro educativo, Picallo insistiu en que é unha colaboración "fundamental para que os xogadores teñan a oportunidade de chegar á elite do balonmán".