A nova tempada do Club Cisne Balonmano xa comezou co regreso ao traballo do plantel branco ás ordes do novo adestrador Quiños.
"Sabemos que é unha liga complicada. Se queremos facelo ben temos que dar máis que os demais. A confianza faise en base aos recursos que temos e como non temos recursos non podemos ser todo o profesionais que nos gustaría", explicou o técnico na primeira sesión de pretemporada.
En todo caso, asegurou aos seus xogadores deben aspirar sempre a máis. "Sodes xente nova e debedes aspirar a ser profesionais, a ter unha mellor situación, gañar máis diñeiro... O non ser profesionais ao 100% non significa que non podamos ter actitude todos os días", indicou.
E é que un ano máis o proxecto cisneista está formado por xente moi nova e algún que outro veterano que deberá achegar experiencia e asumir o rol de xogador líder.
Pola súa banda, o presidente da entidade, Santi Picallo, espera que todo salga ben esta nova campaña e as lesións queden atrás. Recoñeceu que a División de Honra Prata é unha das categorías máis difíciles do balonmán e "agora toca traballar duro. Vai ser un ano complicado, todos coñecemos os proxectos que hai por aí adiante, pero estamos convencidos de que podeis estar á altura de calquera, demostrástelo o ano pasado".
Para esta nova tempada, o Cisne volverá contar con Bruno Vázquez, Diego López, Javiva, Mateo Arias, Martín Santos, Román Arboleya, Manu Lorenzo, Gualther Furtado e André de Moura, e cos recentemente chegados Víctor Fernández, Iago Costas e Dani Virulegio.
CAMPAÑA DE CAPTACIÓN DE SOCIOS
Tras a Asemblea Xeral Ordinaria de Socios celebrada o pasado martes 30 de xullo, o Club Cisne Balonmán aprobou a cota de socios para a nova tempada.
O prezo do abono do socio especial custará 325 euros, o familiar 205 e a familiar base 195. O carné de adulto será de 115 euros, e o de xubilado e universitario custará 65 euros.
Pola súa banda, os xuvenís pagarán 40 euros e o abono de simpatizante, que inclúe tres partidos, estará dispoñible por 30 euros.