Encontro bonito o que se viviu este sábado no CGTD de Pontevedra. E se aínda por riba remata coa quinta vitoria consecutiva para o Club Balonmano Cisne (colocándoo segundo na táboa clasificatoria), mellor aínda. En fronte, un recentemente ascendido con ganas de demostrar que tamén é capaz de puntuar lonxe de casa: o BM Santoña.
Tardaron tres minutos en meterse no partido os pontevedreses. Tempo que necesitaron para remontar un parcial de 0-3 que auguraba un choque moito máis complicado do que, a priori, podiamos prever. Con todo, os de Jabato lograron espertar a tempo, darlle a volta e, mesmo, poñerse cunha vantaxe de tres goles na metade da primeira parte.
A pesar diso, o equipo visitante non conseguiu oito puntos, ata o momento, por ser un equipo fácil de bater (aínda sendo o seu primeiro ano en División de Honra Prata). Soubo manter o tipo e apoiado, sobre todo, na efectividade do seu pivote Javi García (8 goles), recuperarse de novo e irse ao descanso (13-14).
Os primeiros 10 minutos da segunda parte, igual. A equidade foi máxima. Ningún dos dous equipos lograba separarse no marcador o suficiente como para sentenciar o encontro, o que facía que a balanza puidese inclinarse cara a calquera das dúas partes.
Con todo, foi desde ese momento cando, partindo dunha fantástica defensa, o equipo local logrou despegar no marcador (chegando a estar 10 minutos sen encaixar ningún tanto) e acabar gañando cunha diferenza de 5 goles (28-23).