O líder da clasificación recibiu este sábado ao equipo revelación desta tempada, o Unió Esportiva Sarrià no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Despois de levar o derbi pontevedrés no anterior encontro, o Cisne buscaba outros dous puntos que lle permitisen seguir na cima da clasificación.
Os continuos erros por parte de ambos os equipos tanto nos lanzamentos como nos pases foron os protagonistas durante os primeiros compases de encontro. O Cisne estivo por diante no marcador durante os primeiros minutos (3-2), pero as posteriores imprecisións provocaron que o marcador practicamente non se movese.
Os seguintes minutos seguiron igual. Os fallos predominaban e a igualdade primaba tanto na cancha como no luminoso no momento no que se chegaba ao ecuador da primeira metade (7-7). Despois de varios minutos onde os porteiros non tiveron que traballar en exceso debido á pouca efectividade dos lanzamentos onde a maioría non ían nin dentro dos 3 paus, os de Jabato reaccionaron e lograron un pequeno colchón de dous goles (9-7) que se converteu nun de catro grazas á efectividade de Álvaro Preciado e de Pablo Gayoso.
Co 12-8 chegouse ao descanso pero o paso polo vestiario non sentou ben ao Cisne que viu como o Sarrià, en tan só 10 minutos, lograba recortar a distancia e poñíase a tan só un gol do empate (17-16). Os de branco non progresaban e os erros, tanto en ataque como en defensa, provocaron que os cataláns lle desen a volta ao marcador cando se achegaban os últimos 15 de partido (18-19).
Aos locais non quedaba outra opción que darlle a volta ao marcador se querían seguir manténdose no alto da clasificación e, sacando garra e xogando co factor cancha, impuxéronse con rotundidade ao seu rival, que vía como os lanzamentos dos de branco acababan no interior da portería cando quedaban tan só 5 minutos para o final (27-22).
Finalmente, o partido concluíu cun resultado de 30-25 a favor do Cisne que segue líder a pesar de contar cun partido menos.
Consulta a acta do partido entre Cisne-Sarrià na seguinte ligazón