O Cisne prepara a segunda parte da tempada entre queixas pola falta de horas de pista

Pontevedra
03 de xaneiro 2019

O conxunto pontevedrés regresou este mércores aos adestramentos e xa pensa no novo ano deportivo, no que asoman retos ambiciosos para o club. Faino con todo con dificultade para adestrar o que lle gustaría pola falta de horas dispoñibles no CGTD

Adestramento do Cisne 2018/2019
Adestramento do Cisne 2018/2019 / Mónica Patxot

O descanso do Nadal é xa historia para o Club Cisne Balonmán, que desde este mércores traballa pensando na volta á competición e nun ano 2019 que se presenta con obxectivos ambiciosos.

Co equipo situado en postos de play-off de ascenso á máxima categoría, os de Jabato queren consolidar a súa posición de privilexio empezando polo duelo do próximo día 12 de xaneiro en Zamora, o primeiro oficial do ano.

Fano con todo no medio dunha situación estraña, entre queixas por unha situación que non terminan de solucionar, a falta de horas dispoñibles de pista para poder adestrar o que consideran necesario.

"Unha hora para un equipo de Prata é moi escaso", sinalan desde o club, e é que o primeiro plantel cineísta repártese entre as horas de ximnasio e de pista que lle conceden no CGTD, que en moitas xornadas non pasan de 60 minutos.

Nesta fase de preparación, o equipo pontevedrés ten previsto afrontar ademais un encontro amigable este venres 4 de xaneiro na cancha do Lavadores vigués (20:00 horas).