O Club Cisne Balonmán, arroupado pola súa afección, viviu este sábado un duelo de auténtico infarto. Foi a remolque durante toda a primeira parte, pero cando logrou dar a volta ao marcador, non tivo rival. O porteiroRoney Franzini, Álex Chan con 11 goles, e Carlos Pombo, con cinco tantos nos momentos decisivos, levaron aos de Pontevedra polo aire cara ao primeiro triunfo da tempada.
Era o duelo no que o Cisne debutaba ante a súa afección nesta nova tempada en Liga Asobal, e mostráronse nerviosos, con numerosas imprecisións que se viron castigadas cun parcial de 1-4 en contra nada máis comezar que obrigaba a Javier Márquez a parar o cronómetro.
Pero co paso dos minutos o Cisne empezou a atoparse cómodo en parte grazas a Killian, que por primeira vez aparecía para frear o ataque rival e permitía ao seu equipo meterse no duelo. Tamén os contragolpes e o xogo rápido parecía que facían dano a un Benidorm que mostraba as súas fisuras e vía como os locais reducían distancias e mesmo chegaban a igualar (7-7, min 10).
E é que os de Márquez querían facelo ben e dispoñían da ocasión de poñerse por diante no marcador por primeira vez, pero Roberto Rodríguez, o gardameta do Benidorm, encargouse de espertar do soño a Carlos Álvarez freando o seu lanzamento.
A pesar llos pequenos erros, o Cisne estaba a mostrar moi bo nivel en todas as súas facetas a pesar de ser incapaz de dar a volta ao partido.
De feito, o Benidorm seguiu dominando no luminoso aínda que non no xogo. Tiña fortuna nos lanzamentos e ampliaba a súa renda en ata dous goles; tamén grazas ao seu porteiro, que realizaba paradas imposibles que deixaban pampos aos afeccionados e evitaba calquera indicio de fraqueza.
E así se chegou aos últimos 10 minutos de primeiro tempo (10-12) nos que Pombo marcou desde campo propio aproveitando a portería baleira do rival, Javi Márquez moveu ficha baixo paus e deu entrada a Roney e o Cisne dispoñía doutra ocasión para colocarse por diante pero de novo Roberto Rodríguez encargábase de impedilo e mandaba o encontro ao descanso cun empate (15-15).
Ao comezo do segundo acto viviuse unha réplica do primeiro. Os brancos non conseguían enchufarse mentres o Benidorm si que enchufaba todos os seus lanzamentos para facer un parcial de 0-3 nada máis comezar.
Pitou sete metros o colexiado e Chan rompeu a seca do seu equipo, acompañado por un Roney que reaparecía e daba esperanzas aos seus, que se metían de cheo no partido aínda que sempre indo a remolque (19-19).
Pero no minuto 8 todo cambiou. Parou o brasileiro e o Cisne dispuxo da súa terceira ocasión para dar a volta ao resultado. E esta vez si, nun ataque rápido, o balón chegou a mans de Chan, que anotou o 20-19 e poñía ao seu equipo por diante por primeira vez.
Quedaba moito partido, pero a afección cisneísta sabía da importancia que tiña ese gol e arrouparon aos seus en cada defensa e en cada ataque, celebrando cada erro do rival e cada tanto branco. E cando máis festexaron foi cando Ivan Nikcevic enviou ao pau o seu lanzamento desde os sete metros e Andre de Moura replicó facendo o 22-20, o que supoñía a maior renda ata o momento.
Había confianza, os xogadores gozaban de cada xogada e o técnico visitante paraba o cronómetro coa intención de reverter a situación. Sen fortuna, xa que a confianza da que gozaban os pontevedreses era case imposible de frear. De feito, Pombo, e Chan desde os sete metros encargábanse de poñer o +4.
E despois de cinco minutos de seca, Rolandas Bernations anotaba o 24-21, dando paso a un intercambio de golpes que se traduciu nun resultado de 27-23 a falta de 10 minutos para a conclusión.
Empezaban a aflorar os nervios, sobre todo cando o Cisne víase castigado por unha dobre exclusiónque se traducía cun parcial de 0-3 rival (27-26). Os brancos defendían con catro e o Benidorm non tiña dificultades en atopar espazos e anotar, todo iso ata que todos os efectivos de Márquez volveron á cancha e foron capaces de recuperar a renda de dous tantos.
O tempo non pasaba, o Benidorm apertaba na súa presión con todos os seus xogadores defendendo no medio do campo buscando roubar enseguida, pero o Cisne parecía divertirse coa situación e non fallaba no seu ataque a pesar de acabar o partido cun menos pola exclusión de Cavalcanti a falta dun minuto e medio para a conclusión.
O luminoso mostraba un 29-27 e Roney, decisivo, facíase grande baixo paus e paraba o lanzamento rival desde os sete metros. O que non fallou, con todo, foi Chan para anotar o 30-27; tampouco Iván Rodríguez, facendo o 30-28; e Mateo Arias, lanzando á rede o último ataque dun Cisne que sentenciaba e facíase cos primeiros dous puntos da tempada (31-28).
Consulta as estatísticas do Cisne-Benidorm