O Cisne derrota o Teucro (32-29) e enfrontarase co Cangas na final da Copa Galicia

Pontevedra
31 de agosto 2019

O Cangas derrotou ao Chapela, que milita dúas categorías por debaixo dos do Morrazo, e gañou o pase ao derradeiro partido da competición polo título de mellor equipo galego

Partido de semifinais da Copa Galicia entre o Cisne e o Teucro
Partido de semifinais da Copa Galicia entre o Cisne e o Teucro / Federación Galega de Balonmán

O pavillón Lalín Area acolleu, este sábado, as semifinais da Copa Galicia de balonmán, nas que se enfrontaron, por unha banda, o Cangas e o Chapela, e, por outra, o Cisne e o Teucro, derbi dos equipos da capital pontevedresa previo ao comezo da liga en Honra Prata.

Antes dos dous choques, realizouse un minuto de silencio polo recente pasamento de Julio Latas, figura moi relevante na historia do balonmán pontevedrés.

O primeiro partido saldouse coa esperada vitoria dos do Morrazo (29-26), que, malia militar en Asobal (dúas categorías por enriba dos redondelanos), non callaron o seu mellor partido. Feito que souberon aproveitar os de Fran Teixeira, competindo en todo momento e dando a cara durante os 60 minutos.

Ás 20:00 horas daría inicio o segundo encontro. A pesar das declaracións previas, onde os dous adestradores calificábano de "preparatorio", a realidade é que ambos os conxuntos puxeron toda a carne no asador para clasificarse á final. Comezou de forma moi favorable para os homes de Jabato, que, cun parcial de 6-0, alcanzaban unha cómoda renda nos primeiros minutos. Con todo, viron como se lles escapaba, aos poucos, dita diferenza ata o punto de empatar no 17' (8-8) e, mesmo, irse ao descanso dous tantos por baixo (14-16).

A segunda parte mantívose moito máis axustada, e non sería ata os finais da mesma cando a balanza se inclinaría, definitivamente, cara ao bando cisneísta, que rematou por levarse o encontro (32-29) e de forma totalmente merecida. Xogaron mellor e correron máis. Isto último foi determinante, xa que debido aos continuos cambios realizados polo técnico manchego, os seus xogadores mantivéronse máis frescos que os de Luís Montes.

A vitoria do Cisne ten mérito, debido a que o  equipo tivo que facer fronte a catro ausencias moi importantes, como son as de David Chapela, Pablo Picallo, Alejandro Conde e Dani Ramos. Tamén o conxunto teucrista sumaba as baixas de dúas das novas fichaxes "azuis": Perovic e Bojicic.

No apartado anotador, destacaron, por parte dos primeiros, Javi Vázquez (12 goles) e Álvaro Preciado (8). Pola dos teucristas, fíxoo, sobre todo, Dzokic (7).

Este domingo, disputarase, por tanto, na mesma pista e ás 20:00 horas, a final da competición galega entre Cangas e Cisne.