As Ruínas de San Domingos foron escenario este martes da presentación oficial do primeiro equipo do Club Cisne Balonmán para a tempada 24/25.
Un equipo que, baixo o temón esta vez de Marcos Otero 'Quiños' no banco, busca reconstruírse unha vez máis para competir sen complexos na División de Honra Prata, tras disputar en maio o play-off de ascenso á máxima categoría.
Para iso o Cisne formalizou este verán as fichaxes de Iago Costas, Francisco Latorre e Dani Virulegio, ademais de facerse en propiedade con Víctor Fernández tras a súa cesión.
Con eles e un equipo cheo de novos talentos da canteira e do balonmán galego os pontevedreses miran xa cara aos retos que expón o novo curso deportivo.
O debut oficial na liga con todo aínda se fará esperar, xa que non se producirá ata o próximo 14 de setembro nun partido contra o Trops Málaga (19.00 horas) que se disputará no pavillón de Príncipe Felipe ao estar ocupado o Muncipal co Torneo EncestaRías de baloncesto.