Despois de dúas vitorias consecutivas diante da súa afección, o Club Cisne Balonmán buscará este sábado (21:30 horas) seguir coa boa serie medíndose a unAdemar León ao que non lle están saíndo ben as cousas neste inicio ligueiro.
De feito, este arranque non está a ser o que esperan os leoneses, que están a mostrar fisuras en defensa e "non están a conseguir ser sólidos", analiza o segundo adestrador branco, Marcos Otero.
Isto traduciuse en dúas derrotas que "trastornan os seus plans" e Otero cre que "nos vamos a atopar un equipo enrabietado, que quere volver coller boas sensacións" para conseguir o segundo posto e pelexar por Europa.
En contraposición aos malos números defensivos, cunha media de 34 goles en contra por partido, ao cadro leonés están a funcionarlle as cousas en ataque e conta con tres xogadores no Top 10 de Liga Asobal: David Fernández, co seu lanzamento exterior e 25 goles; Antonio Martínez, que define moi ben desde a esquina e suma 21 goles, e Juan Castro, o director do equipo con 21 tantos no seu haber.
Por iso, para minimizar o dano ofensivo do León e non relanzar "as súas opcións de liga", o Cisne buscará "traballar en defensa e conseguir que non estean soltos en ataque, estar ben nas transicións e sacar algo positivo", sobre todo aproveitando "a boa dinámica" na que se atopan.