O Cidade de Lugo Fluvial lócese no peche do Nacional por Clubs de tríatlon

Pontevedra
11 de xuño 2017

O club lucense, polo que competiron entre outros os pontevedreses Pablo Dapena e Saleta Castro, impúxose na clasificación xeral da Primeira División Feminina e foi segundo na Masculina, competicións que poñían o peche a unha espectacular fin de semana de tríatlon na cidade

Saleta Castro, na segunda xornada do Campionato de España de Tríatlon por Clubs 2017
Saleta Castro, na segunda xornada do Campionato de España de Tríatlon por Clubs 2017 / Diego Torrado

Un equipo foi o gran protagonista do Campionato de España por Clubs que pechou este domingo en Pontevedra coas carreiras correspondentes á Primeira e Segunda Dvisión Nacional.

Ese club foi o Cidade de Lugo Fluvial, cun sobresaliente papel na máxima categoría no que supoñía o peche a unha gran fin de semana de competición a beiras do río Lérez.

O Cidade de Lugo, no que competiron entre outros os pontevedreses Pablo Dapena e Saleta Castro, ocupou o primeiro lugar do podio na Primeira División Feminina e foi segundo na Masculina.

Nesta última carreira, a masculina, o pontevedrés Pablo Dapena foi o vencedor individual despois dunha exhibición de forza na parte final do sector ciclista xunto ao seu compañeiro Antonio De Benito, xunto ao que chegou á liña de meta.

Con todo o mellor resultado doutros compañeiros outorgou o títuo nacional ao Triatlón Diablillos de Rivas, completando o podio en terceira posición o Arcade Inforhouse santiagués.

Pola súa banda na competición feminina Cecilia Santamaría e Anneke Jenkis, ambas as do Cidade de Lugo, foron as mellores da carreira nunha dura pugna co Tríatlon Ferrol, no que Inés Santiago foi terceira e a pontevedresa Carmen Gómez Cortés cuarta.

Tamén destacable foi a actuación de Saleta Castro achegando importantes puntos ao Cidade de Lugo cun décimo cuarto posto apenas unhas horas despois de ser terceira nunha proba de media distancia na localidade vasca de Zarautz.

Por equipos as lucenses proclamáronse campioas de España co Club Triatlón Diablillos de Rivas na segunda posición e o CEA Bétera na terceira.