O ciclismo será un habitual no calendario pontevedrés para o 2022

Pontevedra
02 de xaneiro 2022

O 2022 traerá o mellor ciclismo á comarca de Pontevedra consolidándose como unha habitual dentro do calendario da Federación Española de ciclismo. Tanto é así, que se espera que este ano, se a situación sanitaria o permite, veña cargado de grandes eventos que xa veñen sendo habituais no calendario e de outros que repetirán no seu segundo ano consecutivo

Terceira edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail
Terceira edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail / PontevedraViva

O 2022 traerá o mellor ciclismo á comarca de Pontevedra consolidándose como unha habitual dentro do calendario da Federación Española de ciclismo. Tanto é así, que se espera que este ano, se a situación sanitaria o permite, veña cargado de grandes eventos que xa veñen sendo habituais no calendario e de outros que repetirán no seu segundo ano consecutivo.

Para a primeira das citas non haberá que esperar demasiado, e é que o 27 de marzo chegará á Boa Vila a Copa de España feminina de ciclismo coa segunda edición do Gran Premio Cidade de Pontevedra. A cita servirá de apertura da competición e reunirá a deportistas das categorías cadete, júnior, elite, Sub-23 e máster.

O 8 de outubro será a quenda doutro Gran Premio Cidade de Pontevedra, neste caso de ciclocrós. Organizado pola Federación Galega de Ciclismo, Pontevedra acollerá a proba C1 na que participarán corredores de todas as categorías.

Un día despois, o 9 de outubro, chegará a Marín a XaxánCX de clase C2 coas categorías júnior, elite e Sub-23.

Para o 15 de outubro tamén está prevista a celebración do Ciclocrós Internacional Concello de Ribadumia, que pasará este ano a clase C2 despois dunha primeira edición na que houbo un gran éxito de participación.

A clase C2 tamén pasa o Ciclocrós Internacional Con da Romaíña Concello de Sanxenxo, que disputará o 16 de outubro a súa terceira edición coas categorías cadete, junior, elite, máster 30, máster 40, máster 50 e máster 60.  

Dentro do calendario ciclista tamén se atopan as xa máis que habituais carreiras para deportistas e afeccionados como son os 4 Picos e a Epic Race.

A primeira delas celebrará a súa sétima edición en Pontevedra o 14 de maio, data na que se poñerá a proba aos participantes que queiran ascender os picos que rodean dous ou catro dos picos que rodean a cidade.

Para os días 4 e 5 de xuño está prevista a celebración da Epic Race, a gran carreira que percorrerá os arredores da cidade do Lérez nun tempo limitado. Concretamente, os valentes que decidan participar na Epic de 300 quilómetros con 8.500 de acumulado positivo aproximado, terán un límite de 28 horas para percorrelos, mentres que os que decidan participar na de 200 quilómetros con 5.500 de acumulado positivo aproximado, deberán facelos en menos de 18 horas. Segundo anunciou a organización nas súas redes sociais, xa están a piques de chegar ás 200 inscricións.

GLADIATOR RACE

A proba popular de obstáculos, a Gladiator Race, tamén será unha das probas incluídas no calendario de Pontevedra para o 2022. Coa súa sexta edición e despois de dous anos de parón pola pandemia, a gran competición regresará o 4 de xuño á Illa das Esculturas cunha divertida xornada na que os participantes deberán superar un longo percorrido cheo de obstáculos.