O Choco dá unha lección de fútbol e pinta a cara a un Pontevedra que se complica a vida (1-2)

Pontevedra
19 de abril 2015

Os granates estiveron case sempre a mercé de do seu rival, deixándose remontar un partido que non comezara mal para os seus intereses, pero que rematou cun serio aviso non xa para a loita polo campionato, senón de cara a un play-off de ascenso no que actuacións como as desta tarde se pagan coa eliminación

Silva marca de penalti o gol que significaba o empate a un do Choco ante o Pontevedra en Pasarón
Silva marca de penalti o gol que significaba o empate a un do Choco ante o Pontevedra en Pasarón / Diego Torrado
Declaracións de Jacobo Montes tras gañarlle o Choco ao Pontevedra /

Partidazo do Choco ante a peor versión dun Pontevedra impotente que pagou coa derrota os numerosos erros cometidos, así como a tarde negra de bastantes dos seus xogadores e do mesmo técnico, que lonxe de acertar cos cambios debilitou ao conxunto en cada substitución.

Os granates estiveron case sempre a mercé de do seu rival, deixándose remontar un partido que non comezara mal para os seus intereses, pero que rematou cun serio aviso non xa para a loita polo campionato, senón de cara a un play-off de ascenso no que actuacións como as desta tarde se pagan coa eliminación.

Con dominio local arrancou o partido. Os locais chegaron con perigo a primeira vez nun centro de Adrián que rematou de cabeza Jorge, desviado.

Pero o Choco, que saíu acumulando homes atrás e confiando a súa sorte á posibilidade dunha contra, pronto empezaría a avisar tras encontrar un verdadeiro filón nas costas dos dous laterais pontevedreses, especialmente na banda dereita da defensa local onde Hugo gañaba as costas unha e outra vez a un despistado Adrián.

Un par de avisos, solucionados pola falta de acerto no último pase, deron de novo opción a que o Pontevedra se reencontrase co balón, espacialmente en accións de estratexia nas que o Choco sufría. Nunha delas chegaba a mellor ocasión local cando Mouriño sacou unha falta (minuto 18) e Álvaro Muñiz rematou de cabeza, sacando Cortegoso baixo paus.

A acción tranquilizou un pouco ao Pontevedra, que volvía crear perigo dez minutos máis tarde, de novo á saída dun corner. Kevin Presa empalmou dende a frontal e Cortegoso rexeitou cos puños. Sería o anticipo do primeiro gol, que chegaba a continuación (minuto 29) ao como tantas veces das botas de Pablo Carnero, que se inventa unha xenialidade ao ver adiantado ao meta visitante e dende máis de 30 metros eleva o balón.

Pero tamén como tantas veces os granates pecan de non saber pechar o partido e deixan escapar a vantaxe case sen tempo para saboreala. Outra vez Hugo e outra vez Adrián, que non tiña a súa tarde. O dianteiro gáñalle as costas e o defensa derrúbao de forma tan inocente como innecesaria (minuto 31). Esta vez Edu non pode facer nada para deter o claro penalti, que transforma Silva enganando o meta local.

Tirárase pola borda nunha inxenuidade a vantaxe, algo que, como xa sucedeu noutros partidos, urxe corrixir xa que de producirse no play-off pode botar pola borda o traballo de toda a tempada.

O Choco fora mellor, tivera máis claro ao que xogar e como facelo, fronte a un Pontevedra no que demasiados xogadores tiñan a tarde parva.

Pero o arranque da segunda parte deparaba dúas sorpresas. A primeira ver que o Choco saía descarado a polo partido. A segunda, confirmar que se a primeira metade dos granates fora mala, na segunda aínda podían facelo peor.

Luisito moveu pronto o banco, buscando o revulsivo de Anxo. A decisión parecía correcta en canto a quen entraba, outra cousa é o dubidoso acerto de quen debía ser o xogador substituído, sobre todo se se ten en conta a tarde para esquecer que estaban a ter ambos os dous laterais.

Mentres, o Choco crecía, convertendo a Edu en protagonista. Comis probou fortuna (minuto 50), respondeu Edu providencial. Pola súa banda o Pontevedra tiña o dominio territorial, pero o xogo e o perigo era dos redondelanos que só a balón parado pasaban apuros. Precisamente de aí veu a oportunidade para Pablo Carnero (minuto 56), rematando de cabeza un corner lanzado por Mouriño. Cortegoso luciuse no desvío.

O técnico local quixo participar do desastre en que se convertera o seu equipo e nunha decisión difícil de entender senta a Álvaro Muñiz, o único xogador que intentaba darlle sentido ao centro do campo granate, para dar entrada a máis músculo, coa presenza de Pedro García.

E non tardou en aproveitarse o Choco. Os visitantes buscan a Silva, que deixa en evidencia unha vez máis a Adrián gañando a liña de fondo (minuto 61) e centrando atrasado para que Comis marque pracer.

Puido ser peor dous minutos máis tarde cando Yago Vázquez remata de cabeza a queimarroupa unha falta lateral. Edu aparece para evitar a sentenza.

O Pontevedra lanzouse con todo, porque vontade non se lle pode negar aos seus homes, tanta como falta de acerto. A risco de quedar exposto ás rápidas contras visitantes, o único que conseguiu foi acumular saques de esquina, agora ben defendidos polos visitantes, pero deixando ao descuberto as súas carencias na dirección e construción de xogo, sen chegar a inquietar nunca nin poñer en perigo a xusta vitoria redondelana.

PONTEVEDRA CF (1): Edu (3); Adrián (0), Pablo (1), Capi (1), Rubén Lobato (0); Tubo (0), Kevin Presa (1), Álvaro Muñiz (2) Mouriño (1); Pablo Carnero (1) e Jorge (0).

Substitucións: Anxo (1) por Jorge Rodríguez, minuto 53. Pedro García (1) por Álvaro Muñiz, minuto 58. Jacobo (0) por Tubo, minuto 68.

CD CHOCO (2): Cortegoso (3); Yago Vázquez (2), Saúl (3), Lucas (3), Carminatti (2); Fernando (2), Xosé (2); Comis (3), Félix (2), Hugo (3); e Silva (3).

Substitucións: Aitor Gómez (1) por Silva, minuto 71. Pablo Piñeiro (s.c.) por Comis, minuto 79. Rober (s.c.) por Félix, minuto 88.

Árbitro: Manuel Casanova Cudeiro (Ourense), auxiliado nas bandas por José Daniel Rodicio González e Abraham Pérez Dapia. Amoestou a Kevin Presa e Jacobo, polo Pontevedra, e a Yago Vázquez, polo Choco.

Goles: (1-0) Minuto 29: Pablo Carnero. (1-1) Minuto 31: Silva, de penalti. (1-2) Minuto 61: Comis.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.500 espectadores.