A nova normalidade instálase no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, pero non para todos. Desde o 11 de maio os deportistas de alto nivel e os bolseiros retomaron os seus adestramentos nas instalacións do complexo situado ás beiras do Lérez e nas próximas xornadas farán o propio os integrantes dos clubs da cidade que habitualmente adestran neste recinto.
Con todo, existe un pequeno grupo de deportistas que teñen aínda vetada a súa práctica deportiva. É o caso dos deportes de contacto como a loita, o kárate ou o judo. Os seus practicantes continúan adestrando en casa e mellorando a súa condición física ou a súa técnica, pero levan desde que se decretou o estado de alarma no mes de marzo sen practicar o combate, ao non estar aínda permitidos como medida de prevención da transmisión do coronavirus.
"O noso deporte é loitar, pero se combates contra alguén que é positivo vaste contaxiar seguro", expón o adestrador de loita Marcos Miragaya, comprensivo coa decisión de non autorizar aínda os adestramentos con total normalidade. "O centro non ten ningunha culpa, de feito facilitáronnos moito as cousas", agradece.
Á espera da reformulación do calendario nacional e internacional, cuxos últimos cambios supuxeron un pau para as aspiracións olímpicas da loita pontevedresa, Miragaya espera que as federacións concedan unha marxe de tempo que permita aos deportistas recuperar a forma e o ritmo de combate. "En mes e medio poden estar ben porque a loita é algo que non se esquece", recoñece o técnico.
Mentres tanto os seus pupilos continúan adestrando nos seus domicilios. "Sabiamos que non ía ser para dúas semanas", sinala o preparador que decidiu aproveitar o parón para reducir a carga de traballo dos loitadores. "A Lydia Pérez veulle ben para descansar porque empezaba a mostrar xa síntomas de esgotamento, pero tampouco podía parar de competir para tentar conseguir os seus obxectivos", explica. Así cada semana realizaban unha videollamada na que o adestrador daba unha serie de pautas que os loitadores aínda continúan aplicando.
Sobre a continuación das competicións e sen coñecer aínda a decisión de suspender todos os selectivos para os Xogos Olímpicos, Miragaya xa auguraba que "non se van a poder celebrar campionatos porque non se pode viaxar. Ata setembro non haberá nada e logo xa se verá", vaticina.