O atletismo terá gran presencia durante estes próximos meses na Boa Vila. Concretamente, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) é o lugar escollido para celebrar un gran espectáculo no que, como non, estará presente a Sociedad Gimnástica de Pontevedra.
O 30 de abril, tal e como se anunciou o pasado mes de marzo, se iniciará esta festa coa celebración da primeira xornada da Liga Iberdrola de Primeira División en categoría feminina e seguirá nos meses de maio e xuño co Circuíto de Atletismo en Pista. Neste últimmo se disputarán o XLVIII Trofeo Boa Vila, o XLVI Trofeo SG Pontevedra, o XXVII Trofeo Cidade de Pontevedra, o XXIII Memorial Celso Mariño e o XLVI Trofeo Virxe Peregrina.
Na xornada inaugural da Liga Iberdrola estarán as atletas do equipo pontevedrés, que competirán contra o Feminino Celta, Oviedo Atletismo e Agrupación Deportiva Marathon para estar entre os oito mellores clubs que competirán polo ascenso á máxima categoría nacional.
"A pesar de que o club conta con algunhas baixas importantes, o vindeiro 30 de abril veremos sobre as pistas do CGTD a algunhas das mellores atletas nacionais", explicou o adestrador da Gimnástica, Santi Ferrer. Alí estarán deportistas da talla de Antía Chamosa, Marina Artemia Pérez, Lucía Ferreiro, Cristina Garrido, Andrea Villaverde, Carmen Victoria González, Ainara Rodríguez ou Lucía Ferrer.
CIRCUÍTO DE ATLETISMO EN PISTA
Entre o 4 de maio e o 17 de xullo, o CGTD acollerá o Circuíto de Atletismo en Pista, no que poderán participar "atletas de toda España", destacou o concelleiro ode Deportes, Tino Fernández.
O 4 de maio abrirá o evento o XLVIII Trofeo Boa Vila, que o ano pasado destacou pola gran participación de atletas de categorías inferiores, pola mellor marca persoal e o récord do club obtidos por Iria Filgueira (46,62 m) e o récord galego W45 de Loreto Brea (34,07 m).
Continuará o 18 de maio co XLVI Trofeo SG Pontevedra, que o ano pasado presenciou o récord galego de Daniel Chamosa en 3.000 metros marcha en pista (11:42.13); co XXVII Trofeo Cidade de Pontevedra o 2 de xuño; e co XXIII Memorial Celso Mariño, que está programado para o 15 de xuño.
O colofón a esta festa será o 17 de xullo co XLVI Trofeo Virxe Peregrina, que entrará no calendario da RFEA e, polo tanto, contará coa presenza de atletas de nivel nacional que se achegarán en busca de boas marcas.
As inscricións deberán realizarse a través da web da Real Federación Española de Atletismo, e terán como data límite as 22:00 horas do sábado anterior ao da data da competición. Poderán participar atletas con licenza federativa en vigor, tendo prioridade os da Sociedad Gimnástica e os dos clubs filiais ou con acordo de colaboración coa entidade pontevedresa. Os atletas doutras comunidades que queiran participar nas catro primeiras xornadas deberán solicitalo no email [email protected] cunha antelación de 15 días.
No caso dos deportistas de categorías sub 20 e superiores optarán a premios económicos por sectores. A mellor marca masculina e feminina de tódalas xornadas do circuíto segundo a táboa de puntuación WA 2017 de carreiras, de saltos e de lanzamentos obterá un premio de 100 euros. En total, entregaranse seis premios, tres para homes e tres para mulleres.
Por último, os participantes de categorías sub 18 e inferiores entrarán no sorteo dun vale de 50 euros para empregar na tenda Miler Vintage Running Club (r/ Peregrina, 6, soto, Pontevedra). O sorteo realizarase en cada unha das catro primeiras xornadas e será obrigatorio presentarse na última xornada para recoller o premio, en caso contrario, entenderán que renuncian ao mesmo.
O novo Circuíto de Atletismo en Pista está organizado pola Sociedad Gimnástica de Pontevedra co patrocinio da Concellería de Deportes e Supermercados Froiz e en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e a Xunta de Galicia.