A entrada este luns de Galicia na nova normalidade deseñada polo Goberno para previr os contaxios por coronavirus permite a apertura das instalacións deportivas. A resolución da Consellería de Sanidade publicada no DOG recolle que "nas instalacións e centros deportivos poderá realizarse actividade deportiva en grupos de ata vinte e cinco persoas, sen contacto físico, e sempre que non se superen os dous terzos do aforo máximo permitido".
Unha situación que devolve ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva a unha normalidade e pola que os clubs da cidade xa están a solicitar o uso das instalacións. Desde a súa reapertura o 11 de maio só para deportistas de alto nivel ou bolseiros instaurouse unha rutina de hixiene, separación entre persoas e rexistro de contactos entre usuarios para rastrexar calquera tipo de contaxio. Un protocolo que deberán cumprir tamén os deportistas dos clubs da cidade cando volvan facer uso destas instalacións.
Aínda que non hai data para esta reapertura, desde o Centro asumen que nos próximos días os atletas da Ximnástica ou os nadadores do SAPO, Waterpolo Pontevedra, entre moitos outros, volverán facer uso destas instalacións sempre sen superar o máximo de 25 persoas por sesión nin compartir material.
A que seguirá pechada aínda sen un horizonte concreto para a súa volta á normalidade é a residencia. Desde a dirección do Centro contemplan a posibilidade de mantela pechada ata o mes de setembro para o inicio do novo curso, aínda que se manteñen á espera da publicación de resolucións por parte do Goberno para adoptar unha decisión definitiva.