O Cerceda impón a súa pegada (1-0) ante un Pontevedra que perdoa as súas ocasións

Pontevedra
04 de xaneiro 2015

Que no fútbol o gol decide é unha obviedade. O Cerceda teno e ao Pontevedra séguelle custando deus e axuda aproveitar as súas ocasións. A consecuencia foi unha derrota granate nun partido equilibrado, no que os de Luisito puideron resolver no primeiro tempo e remataron derrotados nunha acción sen perigo, na que o olfacto rematador de Cano serviu para apertar a cabeza da clasificación

Un momento do partido entre Cerceda e Pontevedra no Roxo
Un momento do partido entre Cerceda e Pontevedra no Roxo / PontevedraViva
Declaracións de José Luis Lemos tras o partido contra o Pontevedra /

Que no fútbol o gol decide é unha obviedade. O Cerceda teno e ao Pontevedra séguelle custando deus e axuda aproveitar as súas ocasións. A consecuencia foi unha derrota granate nun partido equilibrado, no que os de Luisito puideron resolver no primeiro tempo e remataron derrotados nunha acción sen perigo, na que o olfacto rematador de Cano serviu para apertar a cabeza da clasificación, deixando aos vermello e brancos a un só punto, xunto coa sensación unha vez máis de que este equipo necesita un oficio e calidade na zona ancha da que carece para afrontar partidos fronte a rivais de entidade.

Comezou un pouco frío o Pontevedra, cedendo o balón ao rival, que premía e buscaba con rapidez e de modo directo ás súas puntas, intentando aproveitar a velocidade de Martín. Pero pouco durou esa sensación, exactamente o que tardou Luisito en axustar posicións e os granates en atreverse a pisar con decisión o campo contrario.

Mentres o Cerceda se limitaba a centros que non encontraron rematador, o Pontevedra foi o primeiro en avisar seriamente. E fíxoo cunha excelente ocasión nun centro de Mouriño (minuto 9), que Jorge remata de cabeza de preto, pero Marcos Valin responde cunha grande intervención evitando un gol que case se cantaba.

Apenas tres minutos máis tarde de novo Jorge puido marcar. O dianteiro granate encontrouse un balón solto na área e rematou raso, pero nesta ocasión Yosi salva baixo paus, co seu porteiro batido.

Aínda terían os visitantes unha terceira oportunidade clara. Esta vez nas botas de Mouriño (minuto 18), pero o seu disparo que buscaba a escuadra foise fóra por pouco.

O Cerceda refíxose un pouco, o xusto para crear a súa única ocasión de serio perigo, aínda que tivese que ser aproveitando un balón que lle escapa a Edu, tras centro de Martín. Cano non logra aproveitalo ao taponar Capi o seu remate.

Ata o descanso igualdade absoluta, con ambos os dous equipos firmes atrás e a sensación de que o Pontevedra perdoara o seu rival nos primeiros minutos. O Cerceda perdía a Uxío por lesión, permitindo o debút da súa flamante fichaxe Brais Abelanda, mentres os granates se encomendaban a un Pablo Carnero que cada vez que recibía daba a sensación de poder crear algo diferente.

Á volta de vestiarios saíu un pouco máis entoado o conxunto local. De feito tivo a súa máis clara oportunidade (minuto 49) nun balón que controlou Brais Abelenda, disparando á media volta. O pé de Edu evitou o gol, mandando a pelota a corner.

O mesmo Edu volve intervir con acerto (minuto 60) para rexeitar un disparo próximo de Martín.

Agora era o Cerceda o que mandaba e o Pontevedra o que tiña dificultades para chegar con perigo á área local, o que fixo que Luisito movese ficha, retirando a un Jorge batallador pero que segue pelexado co gol, para dar entrada a Jacobo, situando a Pablo Carnero como referencia arriba.

E precisamente sería Pablo Carnero (minuto 66) o protagonista da primeira chegada con perigo no segundo tempo, remontando a liña de fondo e disparando para que Marcos Valín cos pés salvase o gol.

O partido abriuse e o Pontevedra encontrou espazos para as contras, como unha de Jacobo, que recibiu un bo pase de Mouriño (minuto 69), pero o seu disparo saíu demasiado cruzado, preto do poste esquerdo.

A seguinte ocasión caería do lado local. Herbert fíxoo case todo (minuto 76) menos o remate, que saíu moi desviado.

Pero que o Cerceda ten pólvora arriba e necesita moi pouco para facer gol é de sobra coñecido. E demostrouno nunha xogada sen aparente perigo. Un centro afastado dende a banda de Yosi, non o defende ben Adrián, que se deixa gañar as costas (minuto 81) e Cano remata de cabeza en prancha para dar a vitoria ao seu equipo.

Por se fose pouco, catro minutos máis tarde Campillo vía a segunda tarxeta amarela, deixando o seu equipo en inferioridade. Luisito deu entrada a Tubo, pero xa non houbo tempo nin para inquietar a un Cerceda que gañou por pegada.

CCD CERCEDA (1): Marcos Valin (3); Yosi (2), Angeriz (2), Marcos Caridade (2), Juan (1); Pablo Rubio (1), Granada (2); Martín (2), Herbert (1), Cano (2); e Uxío (1).

Substitucións: Brais Abelenda (1) por Uxío, minuto 37. Peloto (s.c.) por Martín, minuto 75. Agulló (s.c.) por Cano, minuto 86.

PONTEVEDRA CF (0): Edu (3); Adrián (1), Pablo (2), Capi (2), Campillo (2); Centrón (1), Kevin Presa (2), Pedro García (1), Mouriño (1); Pablo Carnero (2) e Jorge (2).

Substitucións: Jacobo (1) por Jorge, minuto 64. Tomás (s.c.) por Centrón, minuto 75. Tubo (s.c.) por Pedro García, minuto 85.

Árbitro: Iván Abel Bruzos (Lugo), auxiliado nas bandas por Tania Fente Pena e Alejandro Ferreiro Méndez. Expulsou por dobre amarela ao visitante Campillo (minuto 85). Amoestou a Juan, Granada e ao adestrador José Luis Lemos, polo conxunto local, e a Pedro García, Adrián e Lloves (no banco), polos granates.

Goles: (1-0) Minuto 81: Cano.

Incidencias: Campo Municipal do Roxo (Cerceda). Uns 350 espectadores, con numerosa presenza de seguidores pontevedreses.