O centrocampista organizador, unha peza escasa e cobizada no mercado

Pontevedra
31 de maio 2019

O bo sabor de boca que deixou Borja Domínguez en Pasarón, nos apenas cinco meses de cesión procedente do Alcorcón, provocou que en Pontevedra se plantexe como prioridade, ademais da contratación dun dianteiro goleador, a chegada dun centrocampista que dirixa o xogo e achegue un salto de calidade ao equipo

Borja Domínguez, no partido entre Pontevedra e Rápido de Bouzas en Pasarón
Borja Domínguez, no partido entre Pontevedra e Rápido de Bouzas en Pasarón / Diego Torrado

A primeira semana de traballo do Pontevedra Club de Fútbol nos despachos para planificar a próxima tempada está a centrarse principalmente nas renovacións, pero non por iso déixase de lado a procura dos reforzos cos que se tentará dar un salto de calidade.

No primeiro dos aspectos, unha ampla maioría de de o plantel recibiu o interese da entidade en que continúen. Con Churre chegouse a un acordo e con outros xogadores parece próximo, pero as negociacións seguen abertas en moitos casos e con pinta de prolongarse. Os que seguro que non seguirán son Mikel Arruabarrena e Nacho Lorenzo, mentres que existen moitas dúbidas con Pibe ao pasar de sub-23 a ocupar ficha sénior.

Paralelamente a dirección deportiva peitea xa un mercado que, ata o final da liga en Segunda e dos play- off marcha a ritmo lento. Aquí, á espera de ver cantas fichas sénior e sub-23 quedarán dispoñibles cando se pechen as renovacións, varias son as prioridades.

Unha delas é a de cada verán, a dianteira. Con Javi Pazos como único 9 actualmente con contrato, o Pontevedra tentará acertar na contratación dun dianteiro que garanta un bo número de goles a final de curso, unha das materias pendentes nas dúas últimas tempadas. Non será unha negociación sinxela, xa que se trata dunha das demarcacións máis demandadas como demostra que nos últimos anos sempre se esperou aos últimos días do mercado coas chegadas de Mario Barco e Mateu Ferrer un ano, de Berrocal o seguinte e de Aruuabarrena o pasado verán.

Outro dos obxectivos será tentar incorporar un medio centro organizador, con peso na creación de xogo do equipo e que achegue un extra na elaboración ofensiva. O bo sabor de boca que deixou en Pontevedra a cesión de Borja Domínguez en apenas cinco meses foi determinante para tentar buscar un recambio de similares características. Trátase con todo dun mercado esixente, complicado e cobizado, ao existir poucos futbolistas específicos que se adapten ás prestacións buscadas dentro do orzamento que manexa o club.

O centrocampista vigués, que agora regresa ao seu club de procedencia (Alcorcón) participou desde a súa chegada no inverno en 15 encontros, os 13 últimos saíndo no once titular. Durante ese tempo Domínguez anotou 3 goles e o equipo granate sumou 9 vitorias.

Este posto creativo foi un dos debes na planificación dos últimos anos precisamente pola súa dificultade, pero o nivel que alcanzou o equipo coa achega de Borja durante a segunda volta da liga reforzou a idea de que se trata dunha posto clave se se pretende aspirar á zona nobre da táboa.

Tamén chegarán reforzos na liña defensiva. Coa continuidade de David Castro confirmada e de Churre garantida, dependerá iso si das renovacións que se consigan pechar nos próximos días, aínda que todo apunta a que se buscará un central de garantías que achegue maior solidez á zaga.