O Centro Deportivo de Campolongo fixa para o 22 de xuño a súa data de reapertura

Pontevedra
10 de xuño 2020

A instalación municipal permanece pechada ao público desde o pasado 13 de marzo. Abrirá todas as zonas deportivas, incluídas as de auga, aínda que baixo un estrito protocolo de seguridade e hixiene ⁣⁣⁣  

Centro deportivo de Campolongo
Centro deportivo de Campolongo / Cristina Saiz

Despois de tres meses de peche absoluto debido ao coronavirus, unha das instalacións deportivas máis utilizadas polos pontevedreses prepárase para retomar a actividade.

O Centro Deportivo de Campolongo fixou o 22 de xuño como data para a súa reapertura ao público.

A instalación municipal pechou as súas portas o pasado 13 de marzo, e agora abrirá con todas as súas zonas deportivas operativas, incluídas as de auga.

Farao iso si seguindo un estrito protocolo de hixiene e seguridade ao que deberán cinguirse os usuarios.

Así, entre outras cousas, realizarase un control de temperatura á entrada do complexo, establecerase un horario preferente para os maiores de 65 anos, controlarase o aforo das clases a través da app de reserva e esixirase o uso de máscara nas zonas comúns.

Tamén se renovará de maneira constante o aire e se desinfectarán os filtros, así como a auga da piscina e o material e maquinaria.

Por último habilitaranse puntos de desinfección de calzado e estacións de desinfección persoal.

Ademais recoméndase aos usuarios do centro que se laven frecuentemente as mans e eviten usar os secadores, duchas e aseos.