O central Diego Felices, reforzo do Arosa para o final de liga

O Salnés
21 de marzo 2022

O xogador, que foi presentado este luns no estadio da Lomba, procede do desaparecido Extremadura, equipo co que debutou esta tempada na Primeira RFEF

Presentación de Diego Felices como xogador do Arosa
Presentación de Diego Felices como xogador do Arosa / Arosa SC

A semana comezou con fichaxe no Arosa, que pechou a incorporación do defensor Diego Felices coa intención de reforzar ao equipo na fase final da tempada, na que se xogará a súa continuidade na Segunda RFEF.

Felices é un defensa central de 19 anos que procede do desaparecido Extremadura, club co que esta campaña iniciou a súa etapa sénior na súa filial da Terceira RFEF pero que terminou debutando en Primeira RFEF antes da liquidación do club.

"A disolución da entidade estremeña permitiu que o Xuíz de Competición determinase que había un prazo de 20 días para que todos os futbolistas que quedaban sen traballo atopasen acomodo. É unha circunstancia especial", explicou sobre a fichaxe o director deportivo arosista, Rafa Sáez.

En canto ao novo futbolista arlequinado "desempéñase na posición de central, aínda que na súa evolución futbolística empezou como mediocentro en categorías inferiores. Leva tres anos en Extremadura onde chegou procedente do Málaga para xogar en División de Honra", sinalou.

"Tal e como estabamos a nivel de número vénnos moi ben, e debe servir para incentivar a competitividade entre os compañeiros", concluíu o director deportivo antes de dar paso ao novo membro do Arosa.

En canto a Diego Felices, mostrouse convencido na súa presentación de que "lo vamos a conseguir, el Arosa va a estar en Segunda RFEF el año que viene".

A nova fichaxe dos de Vilagarcía avanzou que "aportaré lo que pueda" asinando ata final tempada, aínda que "puede pasar cualquier cosa", sinalou ante a posibilidade de continuar na Lomba no futuro.