O Celta acaba coa xeira triunfal do Arxil (76-57)

Pontevedra
18 de febreiro 2017

Un mal primeiro cuarto condicionou ao equipo pontevedrés, que xa non foi capaz de achegarse no marcador 

Partido de Copa Galicia entre Arxil e Celta no CGTD
Partido de Copa Galicia entre Arxil e Celta no CGTD / Diego Torrado

O Club Baloncesto Arxil non puido continuar co seu bo momento de forma e tras catro vitorias consecutivas volveu perder na súa visita ao pavillón vigués de Navia (76-57).

As pontevedresas cederon ante un bo Celta Zorka, condicionadas por un mal primeiro cuarto, no que as locais se distanciaron no marcador (20-7).

Mellorou o Arxil no segundo parcial, fiadas ao acerto anotador de Minata Keita (23 puntos), única xogadora verde en dobres díxitos, para recortar a desvantaxe ao descanso (37-29).

Con todo na continuación o Celta, da man dunha gran Ylenia Manzanares (33 de valoración), controlou a situación e foi de novo ampliando a súa renda sen dar opción ás de Mayte Méndez.

A derrota fai que o Arxil se vexa apeado da zona de play-off de ascenso que alcanzara a pasada xornada.

Consulta aquí as estatísticas do Celta Zorka-Arxil.