Máis de 300 persoas xuntáronse este sábado no CEIP Vilaverde de Mourente para celebrar a 28 edición do seu tradicional cros escolar, unha carreira aberta ao alumnado de educación infantil e primaria dos centros públicos do Concello de Pontevedra.
Houbo probas para os nenos e nenas de Educación Infantil (3,4 e 5 anos) e para as categorías 1º e 2º de primaria, 3º e 4º de primaria e 5º e 6º de primaria. Tamén se celebrou unha carreira cos ex-alumnos que agora están nos primeiros cursos da ESO (1º e 2º da ESO, nacidos no 2011, 2010) e para os pais e nais dos alumnos.
Os tres primeiros clasificados en cada categoría foron obsequiados cunha medalla, mentres que o resto de participantes recibiron auga e un bocadillo para repoñer forzas. Durante a proba recolléronse alimentos non perecedoiros que irán destinados ao banco de alimentos.
A resposta, indican desde a organización, "foi moi positiva".
Nesta edición participaron o CEIP Vilaverde de Mourente, CEIP Manuel Vidal Portela, CEP Marcos da Portela, CEP Campolongo, CEIP Cabanas, EEI Crespo Rivas, CEIP Xunqueira 2, EEI Fina Casalderrey, IES Frei Martín Sarmiento, IES Xunqueira I e IES Xunqueira II.
Cruz Vermella, Protección Civil e Policía Local encargáronse de velar pola seguridade durante toda a xornada. Desde a organización destacan que non houbo ningunha incidencia.