A só 10 días para a súa celebración, o Campionato do Mundo de Dúatlon de Pontevedra presentouse oficialmente ante os medios de comunicación, coa presenza, entre outros, da presidenta da Federación Internacional de Tríatlon (ITU), Marisol Casado, e da Española, José Hidalgo.
Tamén acudiron José Ramón Lete Lasa en representación da Xunta, Francisco Villanueva por parte da Federación Galega e os anfitrions, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.
Todos eles prometeron "un grande espectáculo" os días 31 de maio e 1 de xuño nunha competición que bate todos os rexistros de participación con máis de 1.400 atletas, que provocarán que a ocupación na cidade sexa "total", segundo asegurou o alcalde capitalino.
De feito, os hoteis dos municipios veciños tamén se beneficiaron desta demanda, cuns visitantes que estarán en Pontevedra "unha media de cinco días".
Non estará entre os participantes Javier Gómez Noya en categoría Elite pero o seu posto ocuparao outro galego, Gustavo Rodríguez.
Entre as novidades desveladas pola organización encóntrase a apertura, este mesmo mércores, da tenda online, onde deportistas e afeccionados poderán adquirir produtos oficiais de Mundial.
Ademais, a idea de celebrar unha festa de final de campionato, na que actuará a Orquestra Panorama, foi gabada polos responsables federativos.
Marisol Casado, presidenta da ITU e membro ademais do COI, recoñeceu que marchaba apesarada "por no poder entregar las medallas a los deportistas", ao ausentarse o próximo fin de semana, "y sobre todo por no ver a la orquesta", recoñeceu como nota de humor antes de finalizar o acto.