O Campionato de Europa de 49er, novo reto para Támara Echegoyen

Cerdedo-Cotobade
10 de abril 2016

A regatista pontevedresa afronta desde este luns o Europeo en augas de Barcelona como un adestramento de calidade para os Xogos Olímpicos

Támara Echegoyen e Berta Betanzos no Mundial de Vela en Clearwater
Támara Echegoyen e Berta Betanzos no Mundial de Vela en Clearwater / Jen Edney

Barcelona acolle desde este luns 11 de abril o Campionato de Europa de 49er, e alí estarán as flamantes campioas do Mundo, Támara Echegoyen e Berta Betanzos.

Será unha competición de nivel que servirá como adestramento de calidade a Echegoyen e Betanzos a poucos meses dos Xogos Olímpicos, principal obxectivo do ano.

A regatista pontevedresa verase as caras con moitas das que serán os seus rivais en Río de Janeiro durante tres xornadas de probas clasificatorias e outras tres de series finais antes da Medal Race, prevista para o sábado.

Támara e Berta chegan á Cidade Condal recuperadas dos problemas físicos que lle impediron render ao 100% no Trofeo Princesa Sofía.

"O obxectivo neste Europeo para nós, sobre todo a tan poucos meses dos Xogos Olímpicos, é aproveitar cada manga e sacar o máximo proveito e rendemento a este campionato para seguir traballando e mellorando os nosos puntos débiles", recoñeceu Támara Echegoyen horas antes de iniciar o campionato.