O complexo deportivo David Cal, no encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, acollerá o vindeiro venres 16 de agosto unha nova competición nacional.
Trátase do quinto Campionato de España de Maratón Curto, que aterra en Verducido en pleno verán con 308 piragüistas rexistrados.
Os deportistas, en idades cadete xuvenil, sub-23 e sénior de categoría masculina e feminina, enfrontaranse a un percorrido de 3.600 metros de distancia.
En concreto deberán completar tres voltas ao circuíto habilitado no encoro, coa realización de dous porteos.
A actividade dará comezo ás 9.00 horas da mañá coa proba de C-1 feminina, sendo a última saída prevista a do K-1 masculino ás 14.15 horas.