O camiño cara ao ascenso comeza o 3 de setembro en Pasarón fronte á Ximnástica de Torrelavega

Pontevedra
20 de xullo 2023

O Pontevedra pechará a tempada con catro derbis galegos consecutivos, o último o 5 de maio en Pasarón contra o Racing Villalbés

Saída do túnel de vestiarios do estadio de Pasarón
Saída do túnel de vestiarios do estadio de Pasarón / Mónica Patxot

A Real Federación Española de Fútbol sorteou este xoves o calendario dos cinco grupos da Segunda Federación, na que competirá este ano o Pontevedra. A liga comezará a fin de semana do 3 de setembro e concluirá coa disputa da xornada 34 o 5 de maio do 2024.

O equipo granate debutará en casa, en Pasarón, o domingo 3 de setembro fronte á Ximnástica de Torrelavega en horario aínda por definir. O seguinte encontro será a domicilio na cancha do Valladolid Promesas para recibir sete días despois ao Langreo. 

O primeiro derbi galego da tempada chegará o 8 de outubro coa visita dos de Yago Iglesias ao Coruxo. 

Un dos tramos máis apaixonantes da tempada para os afeccionados granates terá lugar nas catro últimas xornadas da primeira e da segunda volta, debido a que en Segunda Federación o calendario é simétrico. Nestas datas o Pontevedra encadeará catro derbis autonómicos consecutivos.

Compostela en casa, Ourense CF fóra, Deportivo Fabril en Pasarón e Racing Villalbés a domicilio serán os rivais cos que os granates pecharán a primeira volta, cuxo último encontro está previsto para o 7 de xaneiro.

A orde será inversa no tramo final de liga, no que se se cumpren os prognósticos, o Pontevedra estarase a xogar o ascenso directo a Primeira Federación. Unha oportunidade única para que a marea granate conduza ao equipo cara a un novo éxito.