O Burela acaba co soño dun combativo Poio Pescamar (6-1)

Poio
11 de xuño 2024

O Poio Pescamar caeu con honras este martes no terceiro e decisivo partido da semifinal polo título de liga na cancha do Burela Pescados Rubén. A pesar de a derrota, o cadro conserveiro esixiu ao máximo o gran favorito a levantar o campionato

Final da Supercopa de España entre Burela e Poio Pescamar
Final da Supercopa de España entre Burela e Poio Pescamar / RFEF

O Poio Pescamar caeu con honras este martes no terceiro e decisivo partido da semifinal polo título de liga na cancha do Burela Pescados Rubén, e é que a pesar de a derrota o cadro conserveiro esixiu ao máximo o gran favorito a levantar o campionato.

Saíu disposto a dar batalla o conxunto vermello, que como declaración de intencións tivo a primeira nada máis comezar o partido. Elena conducíu o balón para xerar superioridade como porteira-xogadora habilitando a Rocío, pero esta non conectou ben co balón e o seu disparo marchou moi desviado.

Tras este aviso atopouse cunha presión alta de Burela que dificultaba a saída e que aos poucos ía pechando o equipo conserveiro. 

Resistía o Poio, que mesmo se estiraba e probábao por medio de Ale de Paz cun potente disparo que despexaba Caridad. Con todo o duelo empezaba a ser máis laranxa e Camila, Emily e Cilene, tras un fallo na saída, roldaron o gol local atopándose unha Elena segura baixo paus.

O equipo vermello, vestido esta vez co seu equipamento verde, cando podía avisaba do seu perigo, como cun achegamento de Laura Uña que atopou unha boa resposta da porteira lucense, aínda que o que chegou finalmente foi o 1-0 do Burela. Quedaban oito minutos para o descanso cando Irene Samper recibía no costado dereito, íase cara ao interior e cun potente zurdazo facía o primeiro gol do partido.

Lonxe de reaccionar co mazazo, o conxunto adestrado por Luís López-Tulla quedou lixeiramente tocado, puidendo recibir o segundo tanto pouco despois nunha contra finalizada por Antía á madeira, cunha acción posterior de Dany e con outra de Irene Samper, que con todo a favor atopou coa gardameta visitante. Ale de Paz pola súa banda tamén puido anotar nun disparo afastado e illado que se lle complicou a Caridad e terminou rozando o traveseiro.

O marcador non se movería ao descanso, e a mellor noticia é que todo seguía nun puño e todo podía aínda pasar.

Tras o paso por vestiarios o guión non cambiou, cun dominio local que pronto se traduciu no 2-0. Só pasaran catro minutos cando unha rápida e precisa combinación laranxa era finalizada con acerto por Dany.

A empresa empezaba a ser verdadeiramente complicada, pero non se quería render o Poio, que mantiña a intensidade á espera do momento de volver entrar na loita polo partido e pola eliminatoria. As locais pola súa banda tentaban manter o control para que pasasen xa as menores cousas posibles e asegura así o resultado. Con este panorama finalmente o que chegou foi o terceiro, obra de Emily, a 10 minutos do final.

Chegado este punto só quedaba arricar todo, e López-Tulla introducía a Ale de Paz como porteira-xogadora para tentar a heroica. Tempo había, pero á primeira o Burela golepaba de novo co 4-0 aproveitando que o Poio non puidera cambiar á súa porteira batendo Patricia a Ale baixo paus. 

Con xa mínimas esperanzas Rocío Gómez recortaba distancias pouco despois, pero na continuación Noelia Montoro aproveitaba unha perda para anotar o quinto local a portería baleira.

Quedaban máis de sete minutos e o Poio Pescamar, nunha mostra de coraxe e amor propio, seguiu atacando de cinco, recibindo un último tanto nos intantes finais de Antía para o definitivo 6-1.

Máis aló do resultado o conxunto conserveiro despediuse do seu soño por disutar a final polo título de liga coa cabeza alta, e coa seguridade de que o próximo ano volverán tentalo.