O bronce olímpico esquiva a Tere Abelleira

Pontevedra
09 de agosto 2024

A Selección Española de Fútbol, coa centrocampista pontevedresa de titular, perdeu este venres a Alemaña (0-1) na final polo bronce dos Xogos Olímpicos de París. España dispuxo dun penalti para empatar no tempo de desconto

Partido polo bronce olímpico entre España e Alemania
Partido polo bronce olímpico entre España e Alemania / RFEF

A Selección Española de Fútbol Feminino, e con ela Teresa Abelleira, quedou co mel nos beizos na súa primeira participación nuns Xogos Olímpicos.

O combinado nacional, coa pontevedresa repetindo titularidade no centro do campo, perdeu fronte a Alemaña (0-1) no partido pola medalla de bronce celebrado este venres en Lyon, nun encontro no que mereceu moito máis e no que mesmo chegou a fallar un lanzamento de penalti no tempo de desconto.

España tivo que deixar atrás a dolorosa derrota en semifinais fronte a Brasil, e desde o inicio quixo levar a iniciativa do xogo fronte a un rival ben plantado sobre o terreo de xogo.

A primeira gran ocasión chegou de feito nas botas de Tere Abelleira, que aos 20 minutos de xogo tentou sorprender á gardameta xermana nun lanzamento afastado de falta ao vela adiantada, estrelando o coiro no traveseiro.

Tamén Aitana topábase coa madeira ao fío do descanso, pero as forzas e sobre todo o marcador mantíñase parello.

Todo cambiou na segunda metade, na que Alemaña comezou a ameazar e na que atopou premio cun penalti cometido por Cata Coll no minuto 63. A gardameta non puido deter o lanzamento de Gwinn e tocaba, unha vez máis, remontar.

Puido ser peor cinco minutos despois, pero esta vez Cata sostiña o equipo sacando un man a man fronte a unha atacante alemá.

A Selección foi entón a por o empate e empezou a encadear, sen acerto, ocasións e merecendo moito máis. Por medio a participación de Tere Abelleira no partido finalizou no minuto 85, momento no que foi substituída por Patri Guijarro no último intento por remontar.

Tívoo na súa man, sobre todo cun penalti cometido sobre Lucía no minuto 96, pero a dobre balón de ouro Alexia Putellas fallou o lanzamento acabando coas esperanzas de conseguir unha medalla olímpica.