O Betis Deportivo será o rival do Pontevedra na final polo ascenso

Pontevedra
20 de maio 2024

Outro filial crúzase no camiño do Pontevedra Club de Fútbol no seu camiño cara á Primeira RFEF. O Betis Deportivo, filial do Real Betis, será o rival dos granates na eliminatoria final polo ascenso. A ida xogarase en Sevilla e a volta no Estadio Municipal de Pasarón

Sorteo da eliminatoria final polo ascenso a Primeira RFEF
Sorteo da eliminatoria final polo ascenso a Primeira RFEF / RFEF

O Pontevedra Club de Fútbol xa ten rival para a eliminatoria final de ascenso a Primeira RFEF, e será de novo un filial.

O seu adversario será o Betis Deportivo Balompié, filial do Real Betis de Primeira División e que finalizou a liga na quinta posición do Grupo IV.

O conxunto verdibranco superou na eliminatoria previa o CE Europa catalán, vencendo 2-0 no seu feudo e 1-3 a domicilio.

O choque de ida disputarase esta próxima fin de semana en Sevilla, mentres que a volta terá lugar no Estadio Municipal de Pasarón o 1 ou 2 de xuño.

Do mesmo xeito que na semifinal, en caso de empate no global da eliminatoria, prórroga incluída, sería o Pontevedra o equipo que lograría o ascenso como mellor clasificado da liga regular.

Tras coñecer o emparellamento o adestrador dos granates, Yago Iglesias, valorou o resultado do sorteo asegurando que o Betis Deportivo "é un equipo que os expertos de Segunda RFEF din que é o mellor filial da categoría. Destaca sobre todo pola súa calidade técnica e xogadores con moito poderío físico", afirmou.