Despois dunhas merecidas vacacións, o balonmán regresa a Pontevedra este sábado 17 de agosto coa disputa da segunda edición do Torneo Peregrina.
O evento, organizado polo Club Cisne Balonmano, volve ao Pavillón Municipal en formato triangular con partidos de 40 minutos de duración e no que competirán ademais do conxunto pontevedrés o Santo Tirso e o Oar Coruña.
"Queremos manter o nivel deportivo do torneo. Volvemos incorporar a un equipo portugués para darlle ese carácter internacional que queremos e ao Oar de Coruña, que aínda que é de inferior categoría, é o máximo favorito ao ascenso a División Honra Prata. É unha boa pedra de toque para arrincar a pretempada", indicou o presidente do Cisne, Santi Picallo.
A apertura do torneo está previsto para as 19:00 horas co enfrontamento entre o Cisne e o equipo portugués, ás 20:00 horas será a quenda do Santo Tirso e do Oar Coruña, e ás 21:00 horas pecharán o torneo o Cisne e o cadro coruñés.
A entrada para o público é gratuíta.