As suspensións nas competicións nacionais de baloncesto, o que inclúe o Peixe Galego na Liga LEB Ouro e ao Arxil e Cortegada na Liga Feminina 2 entre outros, prolongaranse polo menos unha semana máis.
É o que comunicou este mércores de maneira oficial a Federación Española de Baloncesto (FEB), tras a decisión adoptada pola Comisión Delegada e a Comisión de Presidentes de Federacións Autonómicas.
Desta forma, ás dúas xornadas aprazadas nun primeiro momento únese a prevista para os días 28 e 29 de marzo, polo que a competición non comezaría de novo en ningún caso antes do mes de abril.
Trátase dunha medida esperada, porque con estes prazos a FEB adecúase ás restricións impostas con motivo do decreto de estado de alarma a nivel nacional debido á expansión do coronavirus Covid-19.
Coñecida a decisión federativa, que se teme non sexa a última no mesmo sentido prolongando aínda máis o paro, un dos principais equipos da comarca como o Marín Peixe Galego anunciou que atrasaba, sen data, o regreso aos adestramentos do seu primeiro equipo que estaba previsto inicialmente para o próximo día 26 de marzo.