O Bádminton Ravachol Pontevedra soña con loitar polo título coa chegada da campioa Lucía Rodríguez

Pontevedra
02 de agosto 2024

O club pontevedrés presentaba este venres a Lucía Rodríguez, que retorna ao Ravachol Pontevedra, tras converterse en campioa de España de Dobres feminino e dobres mixto e campioa de Europa en dobres feminino e ser a xogadora con máis futuro no bádminton actual. Tamén anunciaba a renovación de Jacobo Fernández, que está a recuperarse dunha lesión no ombreiro

Presentación de Lucía Rodríguez como xogadora do Bádminton Ravachol Pontevedra
Presentación de Lucía Rodríguez como xogadora do Bádminton Ravachol Pontevedra

Jesús Pereiro, director deportivo do Bádminton Ravachol Pontevedra, presentaba este venres a Lucía Rodríguez como a gran incorporación do club para a próxima tempada.

Trátase da segunda etapa da salvaterrense Lucía Rodríguez no club, despois de converterse en campioa de España en dobres feminino e dobres mixto, e tamén campioa de Europa en dobres feminino.

"Quero agradecer que o club queira contar comigo. Galicia tócame o corazón. Estou moi contenta de volver á casa e estamos moi motivados", indicaba a xogadora que retorna a Pontevedra.

Rodríguez afirmou que "queremos optar polo título e imos a por iso".

Jesús Pereiro explicou que "temos un equipo moi competitivo pero carecemos de fondo de armario. Non podemos prantexarnos obxectivos moi altos. Non nos flipemos", malia recoñecer que Lucía Rodríguez achegará un "salto de calidade".

Tamén anunciou a renovación dun xogador fundamental, Jacobo Fernández, que se recupera dunha lesión nun ombreiro despois de pasar polo quirófano.

"Temos a firme crenza de que os mellores xogadores de Galicia teñen que estar aquí. Os cracks galegos non poden estar noutras comunidades autónomas", admitiu Pereiro.

O xogador tamén quixo agradecer a confianza do club e de Pereiro: "aínda que non gañes, el confía en ti e aposta e lévanos ao máis alto".

Na mesma liña falaba Gabriel Fernández, capitán do equipo, agradecendo o compromiso tanto de Jacobo como de Lucía para xogar no club pontevedrés.

O Bádminton Ravachol ten previstas dúas ou tres incorporacións para completar o equipo e intentar ser competitivos, despois da marcha de Laura Álvarez, que regresa a Oviedo.

O director deportivo sinalaba que o primeiro obxectivo é lograr a permanencia e despois "soñar" con volver a lograr o bronce da pasada campaña ou mesmo loitar polo título de División de Honra fronte a conxuntos que contan con orzamentos moito máis elevados.