O Bádminton Ravachol Pontevedra sóbe ao podio na Liga Galega de Clubs

Pontevedra
11 de decembro 2017

O equipo feminino do club pontevedrés conseguiu o subcampionato na fase final da competición, celebrada no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Fase final da Liga Galega de Clubes de Bádminton no CGTD
Fase final da Liga Galega de Clubes de Bádminton no CGTD / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

A Fase Final da liga Galega de Clubs celebrouse no Centro Galego de Tecnificación Deportiva cun resultado positivo para o Club Bádminton Ravachol Pontevedra.

O equipo feminino dos pontevedreses subiuse ao podio ao concluír na segunda posición despois dun último enfrontamento polo título ante o Athol de Ourense, chegando ambos os empatados a puntos.

Tras as vitorias individuais de Raquel Miguens, a clave estivo no dobres, onde despois dun igualadísimo partido as xogadoras ourensás levaron a vitoria final e o título. O terceiro posto levouno o Club do Mar da Coruña.

Pola súa banda o conxunto masculino do Ravachol Pontevedra finalizou na cuarta posición na liga de Segunda División. Na Primeira, o Club Bádminton A Estrada revalidou o título.

A nota negativa chegou na categoría de veteranos, pola grave lesión dun dos xogadores locais que sufriu unha rotura do tendón de aquiles.