O Club Bádminton Ravachol Pontevedra está de celebración, e non é para menos depués de sumar unha das súas vitorias máis especiais desde que ascendeu á División de Honra.
O conxunto pontevedrés derrotou a domicilio, na cuarta xornada de competición, o actual subcampión de Europa de clubs e campión de liga, o IES La Orden de Huelva.
Fixérono ademais remontando, pois o primeiro punto leváronllo os locais ao non poder no dobres mixto Jacobo Fernández e Elena Fernández coa potente parella formada por Pablo Abián e Haidee Ojeda.
A pesar da desvantaxe o Ravachol non se desanimou e deu o volta marcador nos dobres masculinos e femininos. No primeiro os irmáns Fernández venceron en tres mangas a Javier Suárez e Alejandro Pérez (8-11, 6-11, 9-11), mentres que Georgina Bland e Alexandra Oprisan impoñíanse nun vibrante encontro a Haidee Ojeda e Laura Santos (9-11, 9-11, 10-11).
O internacional danés do IES La Orden Christopher Vittoriani igualaba despois o enfrontamento antes de que Alexandra Oprisan puxese o 2-3 para o Ravachol en cinco rifadas mangas fronte á portuguesa Telma Santos (6-11, 10-11, 11-3, 11-10, 8-11).
Quedaban dous partidos e había que sumar un punto, pero na primeira oportunidade Gabriel Fernández non puido co local Pablo Abián, así que todo quedaba para o decisivo cara a cara entre Georgina Bland, buque insignia do Ravachol Pontevedra, e Laura Santos, un choque que se decidiu en tres sets confirmando o histórico 3-4 final.
"Gañamos a un auténtico equipazo na súa casa, e levamos 3 puntos que nos dan moita vida no noso obxectivo de lograr a permanencia", celebrou tras o duelo Jesús Pereiro, adestrador do Bádminton Ravachol Pontevedra sobre o segundo triunfo en tres encontros disputados esta tempada.