O Bádminton Pontevedra pecha a súa quinta renovación, o internacional Gabriel Fernández

Pontevedra
11 de xullo 2020

O xogador, aínda de categoría  junior, afronta unha nova tempada cargada de retos, xa que ao seu debut en División de Honra co primeiro equipo, úneselle o proceso de clasificación para o Campionato de Europa e o Campionato do Mundo

Gabriel Fernández, xogador do Bádminton Ravachol Pontevedra
Gabriel Fernández, xogador do Bádminton Ravachol Pontevedra / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

O groso do persoal do Bádminton Ravachol Pontevedra xa está asegurado. Coa renovación de Gabriel Fernández, o club pontevedrés xa está case completo para competir na máxima categoría nacional.

Así o transmitiron desde o club este sábado, data na que pecharon o acordo co xogador vigués, que cumprirá a súa segunda tempada ás ordes de Pereiro.

Aínda que debido aos seus compromisos internacionais apenas puido xogar durante a pasada tempada (3 vitorias en 4 partidos), Gabriel posicionouse como unha peza importante de fronte ao futuro. 

O xogador, aínda de categoría júnior, afronta unha nova tempada cargada de retos, xa que ao seu debut en División de Honra co primeiro equipo, úneselle o proceso de clasificación para o Campionato de Europa e o Campionato do Mundo Júnior, ademais dos seus obxectivos nacionais que pasan por aspirar de novo a todo nos campionatos de España.

Ante esta renovación, o director deportivo e responsable do primeiro equipo, Jesús Pereiro, declarou que "o calendario desta tempada vai ser o máis esixente que lembramos, en especial para xogadores como Gabriel, que afrontan un proceso de clasificación ao europeo e ao mundial, o que fará que non podamos dispoñer del en moitas ocasións. De todos os xeitos, a noticia da súa renovación é unha garantía de futuro para o equipo".

Pola súa banda, Gabriel afirmou estar "moi ilusionado nesta nova etapa" e que xogar en División de Honra "é unha gran experiencia que teño moitas ganas de vivir".

Con esta, xa son cinco as renovacións completadas, sumándose á de Noelia Gestido, Manuel Brea, Ana Carbón e Alejandro Nogueira, e á espera da confirmación definitiva da capitá Raquel Miguens.

Aínda así, desde o Ravachol Pontevedra confirmaron que están a traballar as novas incorporacións entre as que se atopan varios contactos con deportistas internacionais que poderían achegar un gran salto de calidade ao equipo.