O Bádminton Pontevedra cumpre o seu obxectivo e ascende á Primeira Nacional

Pontevedra
26 de marzo 2018

O club pontevedrés impúxose en Palma de Mallorca na fase de ascenso e faise un oco na elite do seu deporte só uns meses despois da súa estrea en competición oficial 

Equipo do Bádminton Ravachol Pontevedra que logrou o ascenso a Primeira Nacional
Equipo do Bádminton Ravachol Pontevedra que logrou o ascenso a Primeira Nacional / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

Só uns meses despois da súa estrea competitiva, o Club Bádminton Ravachol Pontevedra fíxose un oco na elite do seu deporte.

O club pontevedrés conseguiu en Palma de Mallorca o gran obxectivo da tempada, o ascenso á Primeira División Nacional, despois de impoñerse na fase de ascenso, na que tiña como rivais de grupo ao campión da liga catalá, o Canovelles, o campión da Comunidade Valenciana, o CB El Campello, e o CB Palma, que disputaba a promoción despois de quedar no posto 14 en Primeira Nacional.

O equipo formado por Ana Carbón, Miguel Sanluis, Elena Andreu, Iván Darriba, Noelia Gestoso, Adrián Rey, María Torres e Rafael Vázquez comezou a fase de ascenso cun triunfo relativamente cómodo ante o Canovelles e confirmou a súa candidatura superando por 6-1 ao campión valenciano.

Despois chegaría o encontro clave ante o equipo anfitrión, o Palma, que tamén chegaba con pleno de vitorias. O que salira vencedor conseguía o posto en xogo na máxima categoría, e ese foi o Bádminton Ravachol por 5-2.

Non quedou aí a cousa e durante a última xornada da fase disputada en Mallorca o club pontevedrés conseguiu proclamarse campión ao superar en semifinais ao CB Aspe e na final ao CB Almería.