O bádminton galego exhibe o seu bo estado de forma no CGTD

Pontevedra
01 de abril 2018

Ana Carbón, xogadora do Bádminton A Estrada e cedida durante a tempada no Ravachol Pontevedra, foi a protagonista do Campionato Galego Absoluto celebrado en Pontevedra

Campionato Galego Absoluto de Bádminton no CGTD
Campionato Galego Absoluto de Bádminton no CGTD / Diego Torrado

O pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva viviu este sábado unha xornada especial coa celebración do Campionato Galego Absoluto de Bádminton.

Cunha competición non exenta de emoción e que se prolongou durante gran parte do día, o bádminton galego exhibiu en Pontevedra o seu bo momento de forma.

Unha xogadora destacou sobre o resto dos participantes, facendo cumprir os prognósticos e situándose como gran protagonista do campionato. Foi Ana Carbón (Bádminton A Estrada), cedida durante parte da tempada no Ravachol Pontevedra para colaborar no seu recente ascenso de categoría, e que se proclamou campioa autonómica en individuais e tamén en dobres xunto Raquel Miguens.

Na categoría individual masculina o vencedor foi o ourensán Miguel Barbado ao destronar ao que chegaba como vixente campión, Manuel Brea (A Estrada), quen si triunfou en dobres xunto a Álex Nogueira.

Por último nos dobres mixtos o ouro foi para Iván Darriba e Raquel Miguens.