O complexo deportivo David Cal de Verducido acollerá esta fin de semana os campionatos galegos de piragüismo de categoría infantil e cadete. O evento, que foi presentado este mércores no Concello de Pontevedra, contará coa participación de preto de 600 padeeiros que competirán nas modalidades e distancias olímpicas.
Dada a elevada participación, a competición ten que dividirse en dúas xornadas. Para o sábado está previsto que compitan os deportistas de categoría infantil, mentres que o domingo será a quenda dos cadetes.
Non será o único evento do verán no encoro de Verducido, que ao longo do mes de xullo acollerá tamén campionatos de ámbito nacional de diversas categorías, incluídas a sénior.
"Este campionato serve para promocionar o noso deporte no noso territorio", declarou o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, durante a presentación dun evento cuxa elevada participación demostra a boa saúde da que goza o deporte da piragua nas catro provincias de Galicia.
"Estase traballando moi ben desde a base e nos centros educativos", engadiu o delegado de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides.
Tamén se mostrou encantada coa organización deste tipo de eventos no Pontillón do Castro, a concelleira de Deportes, Anabel Gulías. "Para o Concello este tipo de eventos son unha prioridade", afirmou.