As competicións de atletismo en España previstas para o 2020 están no aire. Despois de que a Federación Galega confirmase a suspensión de todos os eventos do ano organizados directamente por este organismo, é agora a Comisión Delegada de Adestradores da Real Federación Española de Atletismo a que abre a porta a "que non se poidan realizar probas durante o ano 2020".
Aínda que a decisión non está aínda tomada e dependerá da evolución da crise sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus Covid-19, desde o máximo organismo do atletismo nacional estudan a adopción de "ferramentas psicolóxicas para afrontalo e comunicarllo aos atletas da mellor maneira posible".
Os contactos entre os diferentes estamentos deste deporte son constantes e permanencen atentos ás últimas novidades relacionadas co estado de alarma. Cuestións como o mantemento do calendario competitivo despois dun parón tan prolongado, os tramos de tempada que aínda poderían salvarse ou como xestionar o período posterior ao confinamento copan a orde do día destas reunións telemáticas.
O obxectivo dos administradores do atletismo é dar continuidade á actividade competitiva despois desta crise e que se renove da forma menos traumática posible.
En Pontevedra a principal consecuencia desta crise para o atletismo foi a suspensión do Campionato Galego Absoluto que se ía a celebrar inicialmente o 19 de abril no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. "En función da evolución dos acontecementos, tomaranse decisións sobre unha posible recolocación no calendario galego", señrecoge una circular da Federación publicada hai unha semana.