O atletismo autonómico prolonga "ata novo aviso" a suspensión de todas as súas competicións

Pontevedra
25 de marzo 2020

Esta decisión, esperada debido á situación de alerta sanitaria, afecta directamente o Campionato Galego Absoluto que tiña pensado celebrarse no Centro  Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra o 19 de abril

Campionato Galego Absoluto de Atletismo 2019 no CGTD
Campionato Galego Absoluto de Atletismo 2019 no CGTD / Cristina Saiz

A Federación Galega de Atletismo (FGA) decidiu suspender "preventivamente a celebración de todos os campionatos de Galicia 2020 e competicións organizadas directamente por parte da  FGA, desde hoxe ata novo aviso".

Así o confirmou a última hora do martes o organismo federativo tras a reunión telemática mantida por parte da súa xunta directiva e a Comisión Delegada da Asemblea, ante a evolución da alerta sanitaria decretado pola incidencia do coronavirus Covid-19.

Trátase dunha decisión esperada e que afecta directamente a unha das competicións que estaban no aire dentro do calendario deportivo pontevedrés, o Campionato Galego Absoluto que se ía a celebrar inicialmente o 19 de abril no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

"En función da evolución dos acontecementos, tomaranse decisións sobre unha posible recolocación no calendario galego das competicións aprazadas ou a súa cancelación, se fose preciso", sinala a circular da Federación, que celebrará semanalmente reunións telemáticas da Comisión Delegada e da súa xunta directiva.