Os cuartos de final da Copa Galicia supuxeron este martes a estrea do novo proxecto deportivo da Sociedad Deportiva Teucro.
No Pavillón Municipal dos Deportes o conxunto pontevedrés recibía, tras dúas semanas de adestramentos, un equipo de superior categoría como é o Atlético Novás de División de Honra Prata.
O resultado final foi de derrota e eliminación (26-31), pero o equipo adestrado por Irene Vilaboa deixou unha positiva imaxe, especialmente no primeiro período.
Nese acto inicial o marcador foi en todo momento igualado, con alternativas, ata o minuto 25 (12-12), abrindo unha pequena brecha o Novás antes do paso polos vestiarios (13-15).
A desvantaxe acrecentouse tras o descando, cos do Rosal dominando con claridade (18-24, minuto 45) e controlando a reacción local para terminar por levar o triunfo.