O que para un pode ser mesmo un estorbo no medio dunha tempada con outros obxectivos, para outros é toda unha ilusión, a de enfrontarse a un equipo de categoría superior e intentar superalo. Parece claro que a Copa Deputación, plantada así, no medio do camiño dunha tempada na que a maioría dos equipos se xogan obxectivos máis importantes, é un estorbo para os clubs punteiros da provincia, pero un acicate para os máis modestos.
Esa diferente visión púxose de manifesto na noite do xoves no campo da Ran. Os locais do Atlético Cuntis saíron a competir e fixérono con convicción e firmeza, con orgullo deportivo. Conscientes da súa inferioridade teórica e as tres categorías que lle separan dun Pontevedra que, pola contra, tirou a competición e o fixo dunha forma inadmisible pola falta de interes e competitividade que mostraron bastantes dos xogadores que saltaron ao campo.
Certo é que poucos titulares puxo en liza Luisito, pero iso non xustifica a pobre imaxe ofrecida fronte a un rival de segunda categoría rexional, que lles deu aos granates unhas cantas leccións de actitude, á par que cargou o técnico pontevedrés de argumentos para xustificar por que determinados xogadores ven a maioría de partidos de liga dende o banco ou a bancada.
O Pontevedra saltou ao campo convencido de que o partido se inclinaría polo seu propio peso ao seu favor, simplemente deixando que pasasen os minutos. Os locais, ben asentados no campo, apenas lograban pisar o terreo contrario, pero tampouco pasaban excesivos apuros nin concedían moitas opcións de remate aos granates.
Anxo nunha falta lateral, disparaba ao longueiro e Ramón estrelaba un balón no poste. Ambos os dous remates nos primeiros quince minutos. E aí esgotouse a pólvora dun Pontevedra gris, que dominaba pero era incapaz de superar a ordenada defensa aurinegra.
Pouco a pouco o Atlético de Cuntis comezou a crer en si mesmo, ao ver que o rival non era tan fero como o pintaban. E fíxoo definitivamente ao pouco de comezar a segunda parte. Manuel adiantaba o conxunto adestrado por Celso Couso, ao rematar a media altura un excelente pase interior. Pero o gran momento da noite chegaba pouco despois, cando Daniel recolle un balón na liña central do campo e solta unha volea ao ver adiantando a Lloves, que sorprende ao meta visitante, facendo subir un sorprendente e xusto 2-0 ao marcador.
O aguillón fixo reaccionar aos granates, aínda que esa reacción lles durou apenas oito minutos. O suficiente para minimizar danos e conseguir empatar. Primeiro cun gol do xuvenil Ramón, nun bo remate de cabeza. Logo cunha falta lateral que lanzou Centrón, que non chegou a tocar ninguén no intento de remate, pero que sorprendeu a Gabriel.
Quedaban máis de 25 minutos, pero o Pontevedra levantou o pé e volveu ao seu xogo plano e sen perigo, ante un Atlético Cuntis que se facía forte atrás e conseguía chegar vivo aos penaltis, malia que Luisito intentou salvar a papeleta dando entrada nos últimos minutos a Pablo Carnero, Álvaro Muñiz e Tubo.
Os locais anotaron os catro lanzamentos de penalti realizados mentres os granates transformaron só un
Nos lanzamentos dende o punto de penalti, para decidir a eliminatoria, o Atlético de Cuntis encontrou o xusto premio ao seu traballo e á súa fe, mentres o Pontevedra certificaba a súa noite negra e desacertada, despedíndose da Copa Deputación ás primeiras de cambio.
Os locais acertaron os catro lanzamentos que realizaron, por medio de Luis, Daniel, Iván e Gabriel II, mentres que o Pontevedra unicamente marcou un, o primeiro que lanzou Jorge. Álvaro Muñiz mandou fóra o seu disparo e o meta local parou o lanzamento de Pablo Carnero, facendo innecesario que se completase a quenda.
ATLÿTICO CUNTIS (2): Gabriel; Antonio (Pablo, min. 73), Luis, Manu, Iván, Jónatan (Gabriel II, min. 63), Javi, Ángel (Fuentes, min. 21), Daniel, Pablo (Miguel, min. 76) e Manuel (Portela, min. 69).
PONTEVEDRA CF (2): Lloves; Rodri, Iago (Pablo Carnero, min. 77), Tomás, Bruno, Fran Fandiño (Álvaro Muñiz, min. 83), Anxo, Centrón, Jorge, Ramón e Benja (Tubo, min. 86).
Árbitro: Arturo Díaz (Pontevedra). Amoestou aos locais Iván, Javi e Pablo, e a Tomás e Benja, no Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 50: Manuel. (2-0) Minuto 59: Daniel. (2-1) Minuto 61: Ramón. (2-2) Minuto 66: Centrón.
Incidencias: Campo Municipal da Ran (Cuntis). Uns 400 espectadores.