O asturiano Ruiz Álvarez volve cruzar co Pontevedra: Á décima irá a vencida?

Pontevedra
22 de setembro 2022

O Pontevedra Club de Fútbol nunca conseguiu gañar cando lle arbitrou o colexiado que dirixirá o encontro do próximo domigo en Pasarón fronte á Balompédica Linense, a pesar de cruzarse con el en nove ocasiones nos últimos anos

O árbitro Ruiz Álvarez, no partido entre Pontevedra e Valladolid B en Pasarón da tempada 17-18
O árbitro Ruiz Álvarez, no partido entre Pontevedra e Valladolid B en Pasarón da tempada 17-18 /

O Comité Técnico de Árbitros deu a coñecer este xoves as designacións de colexiados para a quinta xornada de liga na Primeira RFEF, na que o Pontevedra medirase á Real Balompédica Linense no Estadio Municipal de Pasarón (domingo 25, 17.00 horas).

Os granates reencontraranse cun vello coñecido, co que coincidiron ata en nove ocasiones nas últimas tempadas, e é que o encargado de impartir xustiza será o asturiano Jaime Ruiz Álvarez, auxiliado nas bandas por Novoa Hernández e Madrigal Pérez, co vigués Figueiredo Comesaña como cuarto árbitro.

O curioso do caso é que o Pontevedra, a pesar do elevado número de encontros xogados con este árbitro, non conseguiu sumar ningunha vitoria, con catro empates e cinco derrotas.

Desas cifras destacan cinco encontros en Pasarón, con dous empates e tres choques perdidos. 

As dúas primeiras ocasións nas que o Pontevedra e Ruiz Álvarez cruzaron os seus camiños foi na tempada 08-09, con empate a domicilio ante o Racing de Santander B (0-0) e derrota na casa contra o Racing de Ferrol (2-3). Posteriormente chegarían novas derrotas contra o Montañeros (0-2 na 09-10), Racing de Santander (0-1 na 16-17), Celta B (2-1 na 17-18) e Deportivo B (1-0 na 17-18).

O últimos tres encontros saldáronse con empate sen goles co Adarve na casa (17-18), Valladolid B tamén en Pasarón (1-1 na 18-19) e Celta B a domicilio (1-1 na 20-21).

Será a décima a vencida?